El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

A sede do Conservatorio e o Ateneo garantirá a accesibilidade cun ascensor

Por primeira vez o Consorcio ten en conta o fomento da formación na adxudicación da obra // O custe da instalación é de 84.000 euros

REDACCIÓN   | 19.07.2019 
A- A+

O Consorcio de Santiago acaba de sacar a licitación a obra de instalación dun ascensor no edificio, situado na praza de Salvador Parga nº 4, na cidade histórica, que na actualidade é sede do Conservatorio Histórico, do Ateneo de Santiago e da Real Sociedad Económica de Amigos del País. A finalidade desta intervención é garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble, que ten unha superficie construída total de 2.555,93 metros cadrados.

A obra licítase por un valor global de 84.005,76 € e as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 5 de agosto para presentar as súas propostas.

O arquitecto da Oficina Técnica da entidade e responsable deste proxecto, Ángel Panero, explica que o Consorcio promove esta intervención dentro do propósito do organismo de "mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso modelizando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta a accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas".

O Consorcio de Santiago convértese así nun organismo pioneiro ao primar criterios de formación fronte á oferta económica.

En aplicación do previsto na recente Ley 9/2017 de Contratos del Sector Público, esta contratación é tamén pioneira ao introducir nos pregos de licitación criterios de carácter social encamiñados a fomentar a formación para o emprego e o mantemento da obra construída. Así, por primeira vez, teranse en conta para a adxudicación da proxecto as condicións que nesta materia oferten as empresas, que lles permitirán obter ata un 60 % dos puntos necesarios para adxudicación, frente ao 15 % de peso máximo que se concederá pola proposta económica.

"O carácter innovador do prego desenvolto polo Consorcio para a execución destes traballos é un primeiro paso que permitirá recuperar a secular relación da execución destas obras de restauración do patrimonio con procesos de formación e excelencia", salienta Ángel Panero.