El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

coproducida polo CDG

Teatro Antroido presenta en Compostela BailadELAS

REDACCIÓN SANTIAGO  | 17.04.2013 
A- A+

Teatro Antroido, o grupo fundado en 1974 por Roberto Vidal Bolaño, Xaquín García Marcos e Laura Ponte como primeira compañía profesional de teatro en Galicia, presenta en rolda de prensa este próximo venres, 19 de abril, no Salón Teatro de Santiago de Compostela a súa última montaxe, BailadELAS.

A obra, que está coproducida polo Centro Dramático Galego (CDG), AGADIC e Xunta de Galicia, está dirixida por Xavier Estévez e foi escrita por Roi Vidal, sobre textos do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. 

Laura Ponte, a que foi compañeira do propio Vidal Bolaño, é a actriz protagonista de BailadELAS, encargada de interpretar nesta montaxe as personaxes femininas inspiradas en 5 textos do dramaturgo falecido no 2002 e ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. 

O espectáculo trata a importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as personaxes femininas das obras de Roberto Vidal Bolaño, demostrando até que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra. 

A obra, que será presentada en roda de prensa este próximo venres en Compostela, estrearase o 4 de maio no Auditorio de Rianxo e xa ten pechadas datas de actuación próximas nunha decena de municipios galegos. 

Urdime, empresa xestora de proxectos culturais que se constituiu hai uns meses en Galicia, é a encargada da distribución desta montaxe única para un ano único. 

QUE: A compañía de teatro fundada en 1974 por Roberto Vidal Bolaño presenta en roda de prensa a súa última montaxe, BailadELAS, unha obra de Roi Vidal sobre textos do propio Roberto Vidal Bolaño, dirixida por Xavier Estévez, protagonizada por Laura Ponte e coproducida polo CDG, AGADIC e Xunta de Galicia

CANDO: Este venres, 19 de abril, ás 11:30 horas

ONDE: No Ambigú do Salón Teatro (Rúa Nova, 34, Santiago de Compostela)