El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

tribuna libre

Ponte Sarela: Qué se pode facer?

JOSÉ OTERO POMBO   | 07.05.2010 
A- A+

NON CHEGO a entender que nun país democrático, polo que din, unha rehablitación como a de Ponte Sarela se prime cunha sentenza de derribo (sen lugar a recurso), e que ningunha das administracións polas que nos rexemos -local, autonómica e estatal- sexan capaces, nin teñan autoridade, para prever a chegada a esta situación, contando a edificación con todos os permisos legais esixibles, sen exceso de edificación nin ocupación de espazos públicos e axustándose ó proxecto aprobado. Baséase a sentenza en criterios arquitectónicos, definindo que a edificación a maiores permitida debería engadirse ás edificacións catalogadas como patrimonio cultural e etnográfico, e non distribuirse pola unidade de actuación seguindo o criterio da construcción a finais do século XVIII da antiga fábrica de curtidos, que ten tres edificios independentes e a distinto nivel.

É ben certo que o criterio de engordar, moi usual no noso país, que desgraciadamente se confunde con crecer, foi unha das causas principais que durante os últimos corenta anos provocou a destrución dunha gran parte deses enxeños industriais -fábricas de salazón, coiros, baleeiras...- ou as deixaran irrecoñecibles. Polo que se ve, volvemos ás andadas, e predomina o do menor custo económico, o de engordar bens patrimoniais sobre o interese patrimonial de crecer harmónicamente.

 

Ruína sen catalogar. A fábrica de Ponte Sarela é un enxeño que cando se mercou se atopaba en ruína case total e sen catalogar, polo que se podían arrasar os seus vestixios, entre eles o sistema de producción, posiblemente o mellor conservado de Galicia da súa época en fábricas de coiros. En cambio, catalogouse, coa intención de evitar que a alguén lle dera por derrubala ou alterala, como pasou con máis de dez na nosa cidade, que agora serán once. Quen mo ía dicir.

No urbanismo e no planeamento hai forofos como no fútbol, que poden ser empresarios, carpinteiros, médicos, carniceiros, a sociedade en xeral e, por que non, xuíces, e así nos vai.. Mentres non haxa unha especialización xudicial nestes temas, os urbanistas, os que manexan o planeamento, o mesmo cós arquitectos, deberían ser moi coidadosos, deixando as mínimas fendas por onde se poida entrar para tomar decisións de corte arquitectónico. Por suposto, declárolles todos os meus respectos, xa que creo estar a falar de seres humanos, pero o coñecemento é imprescindible sobre todo cando estamos a falar de rehabilitacións onde tamén se dá o caso de que máis dunha solución nos pode conducir a un bo proxecto de rehabilitación. Estas decisións, cando non son axeitadas, teñen consecuencias económicas, sociais e culturais moi graves, difíciles de avaliar, que nos afastan como case sempre dun camiño para o que sempre estamos a ollar: Europa. Pero non hai maneira.

 

Descoñece o galego. Por outra banda, tampouco é moi agradable nin socialmente constructivo que unha sentenza de derribo, de xullo do 2007, da vivenda do denunciante do Concello, don Horacio García Iglesias, tamén no lugar de Ponte Sarela, consecuencia dun litixio co Concello de Santiago, construída a carón do Camiño de Santiago a Fisterra, sobre solo de protección de río, sen licenza e sen proxecto, se poida durmir na Dirección Xeral de Urbanismo, alegando que recibiu de dito organismo un escrito no que parece que di algo que lle pode afectar, pero que vén nunha lingua que descoñece (o galego). Persoa, o denunciante, moi coñecida no organismo xa que traballa na Xunta de Galicia. Situación que non axuda a xerar confianza dos cidadáns nas institucións.

Non é casual tampouco que a rehabilitación de Ponte Sarela fose un dos edificios seleccionados para representar a España na XI Bienal de Arquitectura de Venecia, que lle outorgasen o Primeiro Premio de Arquitcectura Saloni 2009, en Barcelona, entre mais de 400 proxectos de toda España, e o Primeiro Premio de Arquitectura Enor 2009 entre máis de 300 proxectos de España e Portugal, e hai uns días fose seleccionada entre máis de 150 proxectos para estar presente na VII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo, a celebrar en Medellín (Colombia) en outubro deste ano, e que máis de 400 arquitectos de España e Europa, entre os que se encontran nomes como os de Souto de Moura, Manolo Gallego ou Matthias Reichenbanch, entre outros, se solidarizasen co proxecto tanto a nivel arquitectónico como de adaptación ó medio natural, manifestando que esta situación non sería asumible nun contexto europeo.

Tamén sorprende moito que dun dos edificios a derrubar (o secadoiro) se manifeste que, segundo unha fotografía que achegou o denunciante ó xuíz, a cuberta deste edificio era de dúas augas cando é dunha soa pendente, como se pode comprobar no sitio, xa que se conserva íntegramente dende a súa construcción hai máis de 200 anos.

Non cabe dúbida que o feito de non entender o galego en Galicia un empregado da Xunta lle dá moita credibilidade.

Unha mágoa, xa que non imos moi sobrados no noso país na recuperación do patrimonio, nin hai demasiado interese para dedicarlle uns minutos, antes de tomar unha decisión, cos que seguramente estariamos nestes momentos gozando do conxunto rehabilitado.

Posiblemente a parte negativa desta actuación de recuperación e museística, pensando onde nos atopamos, sexa que lle falta o glamour cultural que imprimiría se se fixese con subvencións, caso que non se dá en Ponte Sarela, de iniciativa privada, sen custarlle un euro ó erario público.

 

Qué se pode facer? É unha pregunta que me fago eu, cando levo 40 anos de profesión como constructor-promotor, do que me sinto moi orgulloso. Son dos que penso que non todos os políticos son corruptos, non pertenzo á casta dominante e xa non estou para coller unha maleta e liscar de aquí. Como non estou polo labor de converteme ó feísmo, apelo á sensibilidade, non sei de quen, para acabar non só coa indiferencia, na práctica, ante a conservación do patrimonio e o territorio, senón tamén contra a inseguridade xurídica, un planeamento en contradición co que se nos predica de sostenibilidade, uns prazos de xestión urbanística de anos, ante procesos de concesión de licenzas que se eternizan sen que ninguén saiba o porqué, que castran as posibilidades de acometer en tempos razoables nun país cun mínimo de rigor actuacións empresariais neste momento, por exemplo na rehabilitación, que poderían axudar a milleiros de persoas a incorporarse a un posto de traballo. Tal vez estas cuestións merecerían unha pensada á parte.

Posiblemente a quen lles toca poñer orde neste poder desordenado e anárquico non sexan candidatos ó paro, pero non lles caiba dúbida que, como non se cambie de rumbo, a situación á que imos pódelle afectar ó que máis.

E, polo demais, a seguir para diante, arrimando o ombro e contribuíndo no que se poida para sermos dignos do territorio que pisamos e do patrimonio que herdamos.