El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

LOS OTROS DÍAS

Vivimos nunha sociedade allea

ALFREDO CONDE   | 09.06.2019 
A- A+

Veño de lisboa. Tirei alí unha fin de semana, pasando unha calor tórrida, ó pe mesmo da Praza do Marqués de Pombal, pois é alí onde se celebra a Feira do Libro e onde me retivo a tradución da miña novela "O beato" ó portugués, o primeira (e a única) de todas elas que, a altura dos meus anos, ve a luz na lingua irmá. Regreso e abro a Internet. Ó facelo e de primeiras atópome con dous longos textos de Jonatham Dunne. Leo o que se di neles e o primeiro que me pregunto é cántos xornais galegos, de telos recibido, os terían publicado nas súas páxinas. Agora son tan imprudente que, sen ter lido os periódicos galegos dos últimos días, me poño a escribir estas liñas deixando esa pregunta aí por se for oportuno e alguén quixera aportar a súa opinión a cerca do que pode significar esa indiferenza, esa ausencia ou desleigamento dunha realidade común tan habitual na nosa prensa periódica.

Vivimos nunha sociedade allea, diríase que case que por completo allea a si mesma, distanciada dunha realidade chegada a nós dende o fondo gris do tempo e caberá preguntarse, digo eu, a razón, ou a serie de razóns, que nos trouxeron ata aquí. Non podemos pretender que a culpa sexa toda doutros e quizás conveña acordar que (nós, os bos e xenerosos) teñamos algunha responsabilidade nelo.

Di jonatham dunne, tradutor e editor dun medio cento de textos galegos en inglés, que "dende as institucións culturais galegas, a cultura galega segue ata certo punto dominada polas e polos profesores universitarios" logo de ter recordado un pouco antes a reacción que, presidindo Ramón Villares o Consello da Cultura Galega, tivo o ilustre historiador ante unha petición súa. Dunne pediralle axuda (monetaria, of course) pra edición duns textos poéticos galegos debidamente traducidos ó inglés. Según Dunne, o ex reitor da universidade compostelá respondeulle que si. pero sempre e cando fose o Consello (o consello ou el, non o teño claro) o que decidise que poetas e que poemas deberían ser os traducidos. Aínda non lin ningún desmentido. Cualifiquen vostedes mesmos.

O consello de cultura é certamente unha das tres institucións que xunto co Parlamento e o Goberno de Galicia ten carácter estatutario; ou sexa que quen a preside é, na orde protocolaria, a terceira autoridade do país e constitúe a tradución dun vello soño do galeguismo histórico que nos transmitiu Ramón Piñeiro ós que formamos parte da primeira lexislatura do Parlamento de Galicia. Según eu o entendín no seu momento o Consello viría ser algo así coma un sanedrín que emitise opinión, que aconsellase ó órgano executivo nos asuntos de transcendencia que afectasen a unha mellor gobernación do país e á conservación da nosa cultura máis anterga. É evidente que non actuou nunca en tal sentido, cando menos dun xeito que tivese transcendencia pública. Tan evidente como que o seu labor é, en demasiadas oportunidades, máis propio dunha editora nacional que dunha institución que cumpra os soños que lle deron sentido e forma e, de ser certo o que recorda Jonatham Dunne, inda en algo moito máis reprochable.

O curioso é que, achegándosenos cada vez máis o medio século de existencia do noso órgano lexislativo propio, ningún estudoso da nosa historia máis recente andara a remexer aínda nos diarios de sesións parlamentarias, ou a escoitar as gravacións das intervencións dos parlamentarios nas ponencias e comisións que serviron pra elaborar a lei que deu lugar ó nacemento de órgano estatutario tan significado como é o Consello da Cultura Galega.

E quen di que nesas comisións e plenos di tamén que a mesma indiferenza afecta ás comisións de cultura, ás de control da radio e da televisións públicas, ou ós plenos da cámara dos que xurdiron as leis que atinxiron ou aínda atinxen ó mundo da nosa cultura, ó mundo da súa conservación e espallamento. Se alguén, algún día, se decide a acometer o paciente labor de investigar nos arquivos do Parlamento de Galicia sen dúbida algunha que atopará neles non poucas explicacións do acontecer cultural que nos trouxo ata esta profusión profesoral que sinala Jonatham Dunne dende a proximidade, interesada ou non, que o achegou á nosa cultura e ó espallamento, a través da súa lingua nai, dos textos literarios escritos na nosa.

A responsabilidade non é toda de ocultas ou manifestas forzas exteriores, alleas a nós, que tamén algo ou moito delas lles corresponde, naturalmente. Nós tamén somos responsables e mentres en vez de afrontar o recoñecemento das nosas eivas propias sigamos a afirmar o ben que nos vai todo, o listiños que somos e o equivocados que están os féridos e duros, imbéciles e escuros que non nos entenden, non, non lles ai nada que facer, se mo deixan dicir tan groseiramente, cando si hai bastante que endereitar se non queremos perder definitivamente o rumbo.