El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Santiago | santiago@elcorreogallego.es  |   RSS - Santiago RSS

inaugurado por Currás e María Pardo

Voces críticas na apertura do novo parque infantil da compostelá praza de Vigo

O parque, entre edificios, ten tobogáns e outros pasatempos para nenos de entre dous e doce anos de idade - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ
Ver galería
O parque, entre edificios, ten tobogáns e outros pasatempos para nenos de entre dous e doce anos de idade - FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ

SANTIAGO. REDACCIÓN WEB  | 24.03.2014 
A- A+

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Obras, María Pardo, inauguraron este luns o novo parque infantil da compostelá Praza de Vigo, preparado para nenos de entre dous e doce anos de idade. Algunhas persoas mostráronse moi críticas coa ubicación do parque por mor da contaminación acústica e do fume dos numerosos coches que constantemente están pasando pola zona. Algunhas nais vían con certa desconfianza o tobogán grande pola súa considerable altura e polo acceso a través de cordas enredadas, nas que se agolpaban os pícaros. Porén, non se declaraban intranquilas e os rapaces, como cabía esperar, vianse felices, aparecían moi contentos, especialmente no tobogán grande: "si, é moi alto, por iso mola", dicía un deles sorrindo.

O parque ten o chan tapizado de herba artificial e corcho de vivas cores. Ten un cerramento metálico en todo o seu perímetro para evitar que os nenos saian inadvertidamente, xa que o parque está rodeado de rúas cunha alta densidade de vehículos. Tapa cun pequeno e vistoso xardín a viseira da entrada ao aparcadoiro da praza, e está dotado con bancos e un acceso a un kiosco sen ter que saír da instalación. Tamén conta cunha fonte, un estanque e varios trebellos para realizar exercicios aeróbicos e un panel indicativo con teléfonos de emerxencia e instrucións básicas.

No primeiro día de funcionamento foron moitos os pequenos que, aproveitando os escampes, acudiron a estrealo cos seus pais ou nais e cos seus avós ou avoas.