El Correo Gallego

Santiago » El tiempo

moi de preto

Conversando con Eduardo Galeano

Como pode a prensa española dedicar máis espazo a unhas primarias en Pensilvania que á vitoria de Lugo en Paraguai?

ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ. PREHISTORIADOR  | 25.05.2008 
A- A+

ALTERMUNDO
Xosé Manuel Beiras en conversa con Galeano
FOTO: ALTERMUNDO

Eduardo Galeano, unha das figuras máis salientables do movemento altermundista, estivo este mes que remata en Galicia, a onde acudiu a presentar, da man do Club Internacional de Prensa, o seu último libro escrito en español: Espejos: una historia casi universal (Siglo XXI, 2008), no Auditorio de Galicia e no Centro Caixanova de Ourense. A casualidade fixo que esta visita do uruguaio coincidise coa presenza entre nós, en galego, doutro libro de seu: Carta ao señor futuro (Laivento, 2007), do que dixo que en certo modo pode entenderse como un ensaio para Espejos, debido a que as motivacións que o levaron a escribir os artigos recolleitos no libro que publicou Laiovento son as mesmas que lle levaron a escribir Espejos: difundir unha realidade humana dende a mirada daquelas persoas que son inexistente para os poderosos.

Eduardo Galeano agasallounos nestes días nos que estivo presente entre nós a súa palabra, unha palabra coa que practica a máis radical subversión, como sinalou en varias ocasións un confeso discípulo seu nestas terras: Xosé Manuel Beiras. Precisamente na casa do Beiras compartimos unhas horas de agradable e cordial conversa con Galeano arredor dun excelente manxar; así, sen as limitacións que impón unha entrevista formal, falamos devagar do cotián e do extraordinario.

Sempre atento á actualidade, unha vez que xa pasara o momento das lembranzas e das esperanzas, fixamos a nosa atención en América Latina: no horizonte utópico que se está a abrir en Paraguai, Ecuador, Bolivia ou Venezuela.

Como é posible, preguntaba abraiado Eduardo Galeano, que a prensa española lle dedicase máis espazo aos resultados das primarias demócratas no estado de Pensilvania –quizais porque é un estado angular nos Estados Unidos de América– que ao triunfo nas urnas do esquerdista Fernando Lugo o 20 de abril pasado, polo que a súa vitoria pon fin a 60 anos de gobernos do Partido Colorado. Fernando Lugo abre unha porta a esperanza para milleiros de paraguaias e paraguaios e a prensa española non lle concede máis que un espazo ínfimo nunha esquina: insólito! Neste punto, Manoel Santos comentou unha reflexión de frei Betto sobre o cinismo e a hipocrisía da Igrexa, que condena a actividade política dun crego e non condena a teocracia vaticana, que lle pareceu moi acertada a Eduardo Galeano.

Tampouco daba crédito ao tratamento que a prensa española está a facer dos países latinoamericanos nos que o pobo está a conquistar o dereito a exercer o poder; porén, o Beiras advertiulle de que existe unha desconexión entre os aparellos do poder e a cidadanía, que coñece os retos e participa das esperanzas de América latina.

Por outra banda, Eduardo Galeano gabou a nova Constitución ecuatoriana, na que o Estado recoñece e garante o dereito a manter e rexenerar os ciclos vitais naturais, identificándose co ideal de vida do sumak kausai, que en quechua significa vida harmoniosa: "harmonía entre nós e harmonía coa natureza, que nos procrea, alimenta e abriga e que ten vida propia e valores propios, máis aló de nós". Oxalá todas as constitucións recollesen ese dereito fundamental: o dereito a vivir en harmonía coa natureza; porén, como sinalaba Galeano, a un país que pretende recoller nunha constitución un dereito tan natural considerámolo anormal, mentres que aos países que recoñecen os mesmos dereitos ás empresas que ás humanas e aos humanos tratámolos de civilizados.

Tampouco entende o uruguaio o apoio indisimulado que reciben os promotores da autonomía cruceña, que representan un proxecto racista e represor para a maioría indíxena do pobo boliviano, e os ataques que recibe o presidente Evo Morales; quizais será porque a prensa española defende e representa os mesmos intereses que os que defende e representa a oligarquía cruceña: os intereses das transnacionais e dos latifundistas.

Evidentemente, nunha conversa sobre cuestións de actualidade non podían faltar as relacións entre as FARC e o goberno bolivariano de Venezuela, sobre as que, á marxe do que poidan ser manipulacións e intoxicacións da prensa, non ten unha opinión moi favorable: o goberno bolivariano non debe, opinou Eduardo Galeano, situarse nun mesmo nivel que as FARC, das que considera que xa perderon hai anos toda conexión coa realidade colombiana, co pobo. Neste sentido afirmou non entender algunhas das liñas estratéxicas do goberno venezolano, como as que dende hai un tempo ben de establecer con Irán.

Conversar con Eduardo Galeano é, xa que logo, conversar cunha persoa de palabra atractiva e de fonda coraxe ética e insubornable, que sabe alzar a súa voz para denunciar todas as miserias creadas por este mundo de machitos e propor unha alternativa aberta e solidaria, na que triunfe a diversidade.

A VOZ DA SUBVERSIÓN

Eduardo Galeano naceu o 3 de setembro de 1940 en Montevideo (Uruguai), no seo dunha familia católica de clase media de ascendencia europea; na súa mocidade, antes de iniciar no ano 1960 a súa carreira xornalística como redactor xefe de Marcha, exerceu varios oficios: obreiro nunha fábrica de insecticidas, pintor de carteis, caixeiro nun banco… ao tempo que colaboraba con algúns xornais, como El Sol, o semanario do Partido Socialista uruguaio.

Nos anos sesenta principia a súa longa andaina intelectual "retratando uns tempos difíciles cunha escritura situada sempre na primeira liña dos feitos que vertebran o presente". Xa na década seguinte, en 1971, sae do prelo a primeira edición de Las venas abiertas de América Latina, indiscutiblemente a obra máis coñecida e traducida de Eduardo Galeano, na que analiza, cunha profundidade teórica parella dunha prosa sinxela, a historia de América Latina, mostrando a orixe da explotación económica e da dependencia política de América Latina, así como as súas condicións de reprodución na actualidade. No ano 1973, momento no que o gran capital iniciaba a ofensiva contra o espertar latinoamericano, Galeano tivo que exiliarse a Arxentina primeiro e, tras a morte de Franco, a España. Dos anos de exilio é tamén un dos seus libros máis aclamados: Memoria del fuego, unha triloxía composta por Los nacimientos (1982), Las caras y las máscaras (1984) e El siglo del viento (1986), no que trata de impedir, empregando "unha voz incisiva e militante", o esquecemento da traxedia que azouta a quen vive no máis completo subdesenvolvemento. De volta a Uruguai, logo de que o 1 de marzo de 1985 os civís regresasen á presidencia da República na figura de Julio María Sanguinetti, Galeano escribe unha das súas obras máis entrañables: El libro de los abrazos (1989), no que o autor mostra os seus vínculos de amor e de solidariedade cos demais.

Xa nos anos noventa, nun intre no que, sobre todo logo do escuro desastre soviético e do colapso do socialismo real, moitos renunciaron arrepentidos do seu pasado ‘progre’ (ás veces mesmo de esquerda, cando non comunista), Galeano mantén a súa coherencia e permanece leal ás ideas que viña defendendo dende os anos sesenta. Precisamente neses anos, cando os estragos da globalización capitalista, do que as ditaduras uruguaia e chilena foran a súa antesala, eran evidentes para aqueles que tiñan unha maior capacidade de indignación e de análise crítica, pero nos que era moi difícil ser un disidente do pensamento único e da relixión do deus Mercado, Eduardo Galeano segue a denunciar, cunha gran claridade e precisión e cunha linguaxe ben sinxela, os intereses das elites e as inxustizas cotiás.

Así pois, neses primeiros anos da tan pregoada fin da historia, vai fixando o que serán os seus novos campos de batalla ideolóxica:

• a denuncia da explotación laboral e perda dos dereitos laborais conquistados logo de 200 anos de loita obreira;

• a denuncia do maltratamento dos marxinados e excluídos, aos que se acusa de ser culpables da súa pobreza;

• a denuncia da opresión e do sometemento das mulleres e do patriarcado machista;

• a denuncia das guerras e dos intereses imperialistas;

• a denuncia da explotación dos recursos naturais en beneficio do gran capital e en detrimento dos pobos;

• a denuncia da hipocrisía e da dobre moral propia do discurso ideolóxico dominante…

Velaí a razón pola que, a mediados dos noventa, Galeano convértese nun dos referentes obrigados do altermundismo e nun dos críticos máis lúcidos da globalización capitalista, deleitándonos coa súa prosa en numerosos artigos xornalísticos e en libros como Patas arriba: la escuela del mundo al revés (1998), no que afronta a realidade coa intención, inscrita plenamente na máis estrita tradición marxista, de contribuír á súa transformación.

Nos primeiros anos do século XXI, o escritor permanece atento e lúcido á evolución dos acontecementos mundiais, denuncia os intereses económicos ocultos tras a guerra iraquí, a invasión de Afganistán, a perda de dereitos laborais e a walmartización do mundo do traballo, as estratexias imperialistas ocultas detrás do Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial e a Organización Mundial do Comercio, a transxenización dos alimentos e a perda de soberanía alimentaria… e saúda a revolución bolivariana en Venezuela e o espertar da esperanza en América Latina.