Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Enésima petición para a demanda histórica de ampliar o Conservatorio

Ana Pontón anuncia unha proposición non de lei con este fin // Tamén solicitan aumentar a Escola de Idiomas e o centro de día de Fontiñas

Obxectivo: que ninguén se quede sen praza no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reuniuse onte coa dirección do centro, acompañada pola portavoz municipal, Goretti Sanmartín, e da portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas. Tras o encontro, Pontón anunciou que o BNG levará unha proposición non de lei ao Parlamento solicitando a ampliación do Conservatorio profesional de música de Santiago.

Os nacionalistas consideran que o centro quédase pequeno para a demanda existente. “Naceu pensado para 250 alumnos, e na actualidade supera esa cifra. Cada ano moitas persoas quedan fóra de matrícula e teñen que acudir ás privadas, cun custe moi diferente”, denunciou a líder da oposición. Pontón considera que o Conservatorio realiza unha labor fundamental no desenvolvemento das ensinanzas musicais, e salientou a relevancia das mesmas no futuro persoal e profesional de todo o alumnado.

Respecto a como acometer esa ampliación, os nacionalistas afirman que hai terreos para poder realizala, e consideran que se trata só de ter vontade política ante o que ven como unha demanda histórica do Concello de Santiago. Ademais de poder incorporar máis alumnado, os nacionalistas recordan que a ampliación permitiría incorporar as especialidades de música tradicional, -como a gaita de fol-, e incluír na programación acordeón e a percusión tradicional, “con demanda pero que non se atende por falta de espazo e de profesorado especializado”.

Goretti Sanmartín aproveitou tamén para dirixirse ao alcalde e pedirlle que se amplíe a Escola de Idiomas e o centro de día de Fontiñas.

Pontón aproveitou a visita para formular unha proposta de integración global nunha mesma rede pública adscrita á Xunta de todos os conservatorios galegos, que afecta de cheo aos de titularidade municipal: “Propoñemos que estes centros pasen a ser xestionados pola Xunta, porque os concellos non contan con suficientes recursos, e esa integración serviría tamén para homoxeneizar as condicións do ensino musical”. Finalmente, demandan ofertar estudos musicais de posgrao nas universidades galegas e nos conservatorios superiores para acceder a programas de doutoramento en música, co obxectivo de facilitar a formación superior en Galicia en lugar de ter que estudar fóra.

22 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito