Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Espectáculo para persoas con diversidade funcional

O Salón Teatro acollerá hoxe a representación de ‘O charco de Ulises’ // Desenvolverase nun ambiente máis relaxado na sala

O Salón Teatro retoma hoxe O charco de Ulises, espectáculo de produción propia do Centro Dramático Galego (CDG) da Xunta, que ofrecerá ata este domingo sete novas representacións da montaxe dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, algunhas delas especialmente dirixidas a persoas con diversidade funcional, como a denominada descontraída de hoxe mércores, ás 20.00 h., ou a inclusiva programada para o día 24, ás 17.30 horas.

O CDG reforza deste xeito o seu papel como teatro público facilitándolles o acceso aos seus espectáculos a colectivos ou persoas que precisan de tratamentos e atencións especiais para gozar do teatro.

Así, a denominada función descontraída desenvolverase nun ambiente máis relaxado do habitual, con media luz de sala, reforzo no persoal de acomodación e maior permisividade respecto a ruídos ou movementos de entrada e saída, de xeito que se cree unha atmosfera acolledora na que se sintan cómodas persoas con déficit de atención, espectro autista ou deficiencias intelectuais ou sensoriais.

Tendo en conta que todos os horarios poderán ser modificados segundo as restricións por motivos sanitarios vixentes en cada momento, para mañá está programado un novo pase de O charco de Ulises ás 20.00 h.; o venres 22 e o sábado 23 levaranse a cabo dúas novas representacións cada un dos días (ás 17.00 e ás 20.00 h.), en tanto que o domingo terá lugar unha función inclusiva, preparada en colaboración coa asociación FADEMGA-Plena Inclusión, que será apoiada por lingua de signos e por un programa de lectura fácil.

Este domingo inaugurarase ademais o servizo de streaming do CDG, xa que ás 18.00 horas activarase a ligazón para acceder á gravación do espectáculo e ao coloquio posterior (19,40 h.), que será transmitido en directo. Ademais dos membros do equipo de O charco de Ulises, sumaranse a este encontro Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, e Fran Núñez, director do CDG, no marco da liña de colaboración emprendida entre os dous departamentos para difundir o teatro feito en Galicia nas comunidades galegas do exterior.

ELENCO. Fran Paredes e Inés Salvado Gontad encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan outros oito actores e actrices: Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.

As entradas para asistir ao espectáculo poderán adquirirse no despacho de billetes do número 34 da rúa Nova compostelá.

Obra
Estreo de tecnoloxía

··· O Salón Teatro, sede do CDG que acaba de cumprir o seu centenario, inicia 2021 estreando tecnoloxía para emitir en directo e gravar os espectáculos, ademais de poñer en marcha unha campaña escolar de visitas en liña. Ambas iniciativas suplirán as funcións

presenciais para escolares e daranlle unha nova dimensión á faceta didáctica do CDG en canto ao seu labor divulgador e de creación de novos públicos.

··· ‘O charco de Ulises’, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, marca ademais o inicio dunha nova

etapa na compañía teatral pública a través dun modelo de traballo con cambios substanciais nas dinámicas de produción e distribución cara a reforzar o seu papel como motor escénico galego a partir da crise.

20 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito