Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Estase castrando máis que nunca, pero non paran de aparecer camadas”

Colaborando activamente dende 2012 co traballo da Asociación Abeiro, Ángela Ferro forma agora parte da súa xunta directiva. Coma as demais voluntarias, traballan día a día polo benestar e a protección dos animais, co obxectivo de que teñan unha casa onde vivir. Desenvolvendo a súa misión en Santiago, o principal problema que atopan son os gatos abandonados.

Cal é a misión da Asociación Abeiro?

Abeiro creouse en 2005 para protexer aos animais da cidade, porque queremos que teñan unha casa para durmir quentiños, que é o que merecen. Operamos a nivel de Santiago e o noso obxectivo é o benestar e a protección animal. Aquí, o principal problema son os gatos, polo que temos varias colonias pola cidade, para controlalos, darlle asistencia veterinaria e castralos, xa que son maiores e necesitan o seu espazo. As nosas voluntarias aliméntanos e cóidanos día tras día, polo que temos que agradecerlle ese labor que fan.

Onde xorde o problema na cidade cos gatos?

Santiago ten un problema moi grande de abandono, tanto de cans coma de gatos. Así, o refuxio de Bando está ao borde do colapso, e non paran de chegar camadas, como a nós. Dende abril, isto é un sen parar.

Cada ano rescatamos máis animais da rúa. Estase castrando máis que nunca, pero non paran de aparecer camadas. O principal problema é que moitas delas non son da rúa, senón de xente que non castra e os abandona. En cifras, no que vai de 2020, xa levamos máis de sesenta gatos adoptados, o cal é unha auténtica barbaridade. Estamos tendo moi boa racha de adopción, pero o volume é moi alto. O problema está en que non existe ningún tipo de sanción por abandonar as camadas e non hai control tampouco na venda de particulares, polo que hai que sensibilizar á cidadanía nese aspecto.

E os veciños das colonias, colaboran con vós?

Polo xeral, os veciños colaboran con nós e mesmo agradecen a nosa labor, pola limpeza e o coidado dos animais. Con todo, si que hai algún conflito, polo que nos interesa que o Concello se posicione. Neste senso, cando solicitamos axuda, as autoridades defenderon a nosa posición.

Como se pode axudar?

Para nós é moi importante que colabore todo o mundo, cada un como queira e poida. Como non temos un refuxio propio, traballamos con casas de acollida particulares, fogares onde se curan cando saen da rúa, para despois saír en adopción. É imprescindible contar con eles.

A maiores, como só dispoñemos de fondos privados, é fundamental que a xente que non pode acoller, poida axudar doutras formas. Para isto, contamos con merchandising e pódense facer achegas puntuais, tamén a través da nosa web (asociacionabeiro.org) e mesmo sacamos, como novidade pola covid-19, un banco de alimentos, un espazo onde a xente pode deixar pensos e latas para familias sen recursos.

Resulta fundamental esa achega para a asociación?

Toda a axuda é fundamental para que a asociación poida realizar o seu traballo. Somos todas voluntarias, da directiva somos nove e despois contamos cun grupo que se achegan cando poden, para formar un total de trinta e cinco persoas. Coa súa colaboración, conseguimos darlles alimento, podemos recollelos para levalos ao veterinario, poñen a súa casa para que descansen varios días e tamén se levan ás casas de adopción. Cantas máis somos, a máis xente chegamos e podemos facer máis eventos. Entre todas vámonos xestionando para seguir adiante.

Como é o funcionamento do banco de alimentos?

Trátase do local de Interprof, na Rúa Irmáns Rei Alvite, onde poden deixar o que queiran e, quen o precise, poida levar alimento. O fin é intentar evitar que a xente que o está a pasar mal poida coidar dos seus animais, evitando así posibles abandonos.

Hai boa predisposición con el?

A colaboración é boísima. Non existiríamos se non houbese a xente que arrodea á asociación. Os nosos veciños, os nosos adoptantes, as casas de acollida...a verdade é que está cambiando a perspectiva dos dereitos dos animais.

Ademais, tamén levan a cabo outro tipo de accións.

Para que a xente mude a súa conciencia, facíamos mercadiños, recollidas de penso ou charlas nos colexios, pero agora, coa situación sanitaria, potenciamos o traballo online. A través da nosa páxina web e das redes sociais, por exemplo, comezamos o mes pasado coa enciclopedia felina, dando coñecemento á xente e publicando noticias de interese.

Para rematar, como se pode facer para adoptar a algún dos seus animais?

Os interesados poden contactar con nós a través das redes sociais ou por correo electrónico. Unha vez contacten con nós, facémoslles unha serie de cuestións para ver que sexan apropiados, unha pequena entrevista para que se dean conta do traballo que implica ter un animal. Unha vez son aptos, procedemos á adopción. Neste proceso, cobramos unhas taxas pequenas, porque vai incluída a castración ou a promesa de castralo, se é moi novo; así como a primeira vacina. Trátase dunha axuda para sufragar os gastos.

momentos

1 Inicios. “Eu son voluntaria dende 2012 e agora formo parte da directiva, na que somos nove mulleres”.

2 Paixón. “Os animais sempre me gustaron, pero o labor de defender os seus dereitos, e na cidade na que vivo, paréceme máis que necesario. Encántame. Por iso, dedicámonos de forma altruísta”.

3 Colonías. Na cidade contan con sete e nelas levan o método CER (Coller, esterilizar e retornar). Estas están no Aeroporto, Belvís, Santa Marta, Meixonfrío, A Trisca, na Tafona e Vite.

4 Banco de alimentos. No local de Interprof, na Rúa Irmáns Rei Alvite recollen latas e pensos para que aquelas persoas que están a pasar por un mal momento poidan ter comida para os seus animais.

5 Online. Nas redes sociais e na web manteñen información actualizada das súas accións.

28 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito