Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Andrea Pousa Cantante e actriz // Publica novo traballo, ‘Retorno’

“Este disco marca un antes e un despois na miña carreira”

“Cada traballo é unha nova etapa musical, pero sen dúbida este disco é quizáis o cambio máis arriscado a nivel musical que fixen ata agora; presenta unha liña moito máis vangardista, con sons pop-electrónicos”

Rompe cos estereotipos da súa carreira en solitario. Presenta unha liña moito máis vangardista e marcará un antes e un despois na súa traxectoria. Así é Axendados, o primeiro sinxelo de Retorno, o novo disco da cantante e actriz galega Andrea Pousa (Tomiño, Pontevedra). É un tema composto por ela en colaboración co productor musical e artista luso Paulo Borges. Foi realizado en Portugal e gravado entre Galicia e o país veciño, nos estudos Casa de Tolos e Plateia de Ilusões. Axendados conta tamén coa co-produción de Segundo Grandío, encargado ademais da mistura e masterización. “Cada disco é unha nova etapa musical, pero sen dúbida este é quizáis o cambio máis arriscado a nivel musical que fixen ata agora. Axendados é o comezo, a rotura, o cambio, o inicio dunha nova andadura na miña carreira en solitario”, destaca Andrea Pousa en conversa con EL CORREO GALLEGO.

A piques de sacar o seu segundo traballo discográfico, que “marca un antes e un despois, un cambio de rexistro con sons pop-electrónicos”, subliña que esta canción “representa ás persoas que estamos metidas nunha voráxine de citas, reunións, compromisos, e que non podemos quedar con outra persoa sen antes revisar a nosa axenda”.

Neste sentido, Pousa di que “todos estamos axendados, e sexa por unha cousa ou por outra, todos temos os nosos deberes, e non somos quen de tomar unha decisión sen antes ver a nosa axenda. E dependendo da persoa que sexa, e do interés, marcaremos unha cita máis cedo ou máis tarde”. E é por iso, engade, que “a finalidade do tema Axendados é romper as barreiras tecnolóxicas e físicas repletas de compromisos, liberándote deste xeito por un momento, e poder reunirte cos teus seres máis queridos”.

“Infelizmente”, sinala, “cada día máis, estamos inmersos nunha voráxine de citas, compromisos, responsabilidades que nos afastan da nosa xente”. En canto o retrouso Ola! Estou aquí!, di que “é un toque de atención para que se sepa que hai alguén doutro lado esperando. Que a vida é máis sinxela do que nos pensamos, e que está moi ben cumplir co axendado. Pero tamén temos que gardar unha marxe para os nosos seres queridos e estar cando máis nos necesiten”.

É neste punto cando destaca a importancia de voltar ser finalmente “seres humanos”. “Sentímonos importantes polo simple feito de ter a axenda chea e cremos ser o centro do universo. Pero o sol non xira contorno a nós, somos nós quen xiramos contorno a él. A finalidade de Axendados é romper con esta dinámica de dependencia da axenda e acercarnos a nosa xente”, incide Andrea Pousa, quen tamén describe como foi a gravación do videoclip.

“Hai escenas complicadas no mar, baixo a auga, onde se complicaba ao ir vestida co traxe de tul, xa que era moito peso. E a outra escena heavy foi a rotura dos televisores, onde vivimos todos momentos tensos porque ninguén rompera nunca un televisor deste xeito, e non sabíamos que podía pasar. Afortunadamente todo correu ben”, afirma a cantante e a actriz tomiñesa. O video rodouse na praia de Vidrieiro, en O Vicedo (Lugo). “Cando descubrín esa praia sabía que tería que rodar algo alí, xa que tanto a area como a auga son espectaculares; é unha das praias máis bonitas de Galicia. E por certo, a auga está quentiña, en comparación a outras zonas de Galicia”, destaca Pousa, quen ademais durante a gravación gustou de coidar moito os detalles, porque “todos eles xuntos son a suma dun bo resultado”. “Teño a sorte de estar ben rodeada dun equipo de xente nova, con grandes ideas, innovadores e talentosos. Por unha parte, os mozos de Oco Visual Media, Fran Cortizo e Alberto Cortés, que me axudaron a desenvolver as ideas que tiña na cabeza, eles foron quen de plasmalas moi ben producindo e dirixindo o proxecto audiovisual”.

Así mesmo, tamén pon en valor “o traballo de persoas como Antía Caride, a creadora dos estilismos seguindo a moda e forxando unha Andrea rompedora e poderosa; e de Diana Amoedo, a encargada de facer lucir a imaxe coa maquillaxe e peiteado en cada plano”.

O video xa se pode ver na canle de Youtube de Andrea Pousa e nas súas redes sociais. A canción está colgada en todas as plataformas dixitais. Foi presentada en sociedade este mércores en Santiago, no transcurso da posta en valor da iniciativa audiovisual Triloxía meiga, da compañía Queiman e Pousa, que inclúe os videoclips Axendados, Camiñares y Alalá meigo, interpretados por Andrea Pousa e cada un deles adicado a un dos seguintes elementos da natureza: auga, terra e lume, respectivamente. O cuarto elemento, o aire, ven representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos. Todos estes traballos teñen por obxecto, no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia a través de distintas artes (danza, música, circo...)

En canto aos outros dous videoclips deste disco, irá lanzando cada mes un. En novembro lanzarase outro single e en decembro outro, antes da chegada do novo disco, Retorno, a principios do 2021. “Teño moitas ganas de xira e de directos. Ogallá todo mellore e poidamos desfrutar da cultura como é debido”, destaca Pousa, quen xa aos 15 anos foi seleccionada como unha das voces femininas de Galicia no Festival da Canción.

Traxectoria

BIOGRAFÍA Nada na raia entre Tomiño e Portugal, Andrea Pousa xa amosaba dende moi pequena dotes cantando como artista solista en diferentes eventos do Baixo Miño e gañando festivais de canto.

‘QUEIMAN E POUSA’ En 2014 funda, xunto ao actor Bruxo Queiman, a súa propia compañía e productora de espectáculos, Queiman e Pousa, coa que percorre o mundo, baixo o lema de ‘Comprometidos coa Cultura Atlántica’, actuando en países como México, Arxentina, Uruguai, Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Suiza ou Italia. Complementa a súa carreira de cantante coa de actriz, sendo unha das artistas da obra de teatro circense ‘Cenerentolla’. En 2017, lanzou o seu primeiro álbum en solitario, ‘Respirar’.

24 oct 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.