Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Exemplar e multitudinaria marcha da hostalaría “para intentar evitar a ruína”

En fila e con distancia dende o Obradoiro ata San Caetano // Falan de manifestación histórica para o sector en Galicia // “A nosa situación non é sostible. A Xunta non ten un plan de rescate”

“Estamos hoxe aquí protagonizando a maior manifestación da historia da hostalaría na Galiza. Hai aquí 1.500 persoas clamando xustiza para o noso sector”, con estas frases a presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Lucía Vázquez, espertou onte os aplausos de todos os que marcharon dende a praza do Obradoiro ata a sede da Xunta para reclamar axudas e a volta ao traballo do sector da hostalaría.

Daban ás once da mañá e a praza máis importante da cidade estaba dividida en varias ringleiras de persoas con carteis, potas e tambores improvisados dispostos a proclamar ben alto as demandas dun sector que aporta un 20 por cento do PIB galego e que os traballadores definen como “un motor económico”. Esta foi unha marcha sen precedentes en Santiago: nunca o sector se unira deste xeito. A principios de outubro houbo outra convocatoria mais estaba centrada no ocio nocturno e foi feita en coche dende o estadio Vero Boquete.

A de onte, a pé, tiña a complicación de garantir as medidas de seguridade pola pandemia do covid-19. Neste punto afanouse un dos portavoces de Hostalaría Compostela, Sergio Fernández, pendente de manter aos asistentes en fila e distanciados. Todo coa axuda de máis de 20 hostaleiros que se puxeron o chaleco amarelo e se dividiron ao longo da marcha para controlar que todo saíse ben. A resposta dos asistentes serviu como argumento de que a hostalaría é capaz de manter un espacio seguro, tal e como demostraron os datos do Ministerio de Sanidade sobre a porcentaxe de contaxio nos locais: un 3,5 fronte o 14 % das reunións entre familiares nas casas.

A TUMBA. Escenificados onte con dous ataúdes feitos de cartón, os manifestantes sinalaban como golpes definitivos dúas medidas da Consellería de Sanidade: o peche do ocio nocturno -estipulado polo Goberno central e regulado polo DOG-, do 14 de agosto; e as medidas restritivas para Santiago e o Milladoiro que prohiben a cafeterías e bares servir no seu interior e impoñen medidas de aforo en terrazas e nos comedores dos restaurantes. A isto sumouse o pasado domingo o toque de queda nocturno que afecta aos servizos de ceas.

A Tita, La Flor, A Nave, Carretas, Tosta e Tostiña, Bicoca... Eles, e moitos máis, son os nomes dos locais que protagonizan a paisaxe de cada rúa, moitos deles agora pechados. “Temos terraza nunha zona de acceso que, co aforo, queda en tres mesas e sen poder poñer sombrillas”, explica unha das propietarias de La Flor, Sandra Fuente. Para ela a solución para a pandemia de restrinxir a labor da hostalaría non é real senón política. Dende o bar a Tita insisten tamén na nula rendibilidade de manter os locais abertos con poucas mesas na terraza e baixo a choiva de Compostela.

Moitos foron tamén os que fixeron fincapé nas diferenzas marcadas no DOG 212-bis do 21 de outubro entre café-bar e os restaurantes. “Nós dabamos comidas a mediodía, pero agora xa non podemos porque non somos un restaurante. A medida é absurda, un escándalo”, insistía Eduardo Ferreirós, de A Nave na Sionlla. “Mentres, as tendas, os centros comerciais e os transportes están cheos”, engadía este hostaleiro.

Nos últimos días, a maior parte de bares da cidade optaron por cerrar. A aqueles que non teñen terraza, como Tosta e Tostiña, non lles quedou máis remedio: “No nos obligan a cerrar por ley pero no podemos estar abiertos con cafés para llevar. Tenemos gastos de alquiler, IVA, seguridad social de los trabajadores en ERTE”, explicaba onte unha das súas responsables, Belén Pombo. Outros, como o Bicoca, tamén pecharon malia ter terraza ante as perdas que supón a escasa clientela que en días de inverno se senta a tomar algo.

TAXI, MÚSICA E ARTE. A convocatoria das asociacións organizadores estendeuse máis alá dos propietarios dos locais. En días pasados animouse a traballadores, distribuidores e clientes a participar, tamén aos sectores relacionados como o da música. Así, no agradecemento realizada onte pola organización houbo palabras para o mundo da música e da arte en xeral; e tamén para o gremio de taxistas que se sumaron aos apoios á hostalaría nun momento que tamén é malo para eles, con caídas do 50 %.

De feito, o manifesto inicial lido fronte ao Pazo de Raxoi foi pronunciado por dúas persoas do mundo artístico: os actores galegos Federico Pérez e Patricia Vázquez que aproveitaron para demandar que o mundo da cultura saia tamén ás rúas e agradeceron aos bares todos os bos momentos e o servizo que lles prestan despois das súas funcións. Todo culminado cunha mensaxe para as autoridades: “Hoxe hai aquí un clamor diante de quen ten as responsabilidades directas na xestión da pandemia. Dende a Xunta de Galicia non hai un plan de rescate máis alá de anuncios improvisados”.

Un deses traballadores vinculados á hostalaría de forma indirecta é Alberto Fernández. Traballa para unha marca comercial que distribúe a estos negocios: “Dependemos de ellos y tampoco estamos funcionando. Las ventas han bajado y estamos con mucha incertidumbre”. Máis alá dos afectados da cidade, houbo quen se achegou dende outros puntos. Un deles foi Suso Pereira, traballador da cervexaría A Vila, en Negreira, quen lamentaba onte a escasa clientela que teñen dende o comezo do toque de queda.

Así, tras recorrer o Franco, Virxe da Cerca ou San Roque, e tras unha hora e media de percorrido, xa diante da Xunta, a presidenta da Asociación de Bares de Compostela definiu o vivido como “un día histórico que marcará un antes e un despois: por primeira vez estamos unidos man con man para defender o noso futuro e defender o horizonte de ruína ao que nos condenan”.

1.500

Cifra de participantes na protesta segundo os organizadores: Asociación Hostalaría Compostela e Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, Tempo con Xeito, Asoc. da Raíña, Hosteleros Asociados Compostelanos, Asoc. Cultural Cidade Vella, Hostaleiros Milladoiro e Asociación de Bares e Restaurantes do Franco.

29 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.