Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Éxito co programa de emprego do Tambre con máis de 45 insercións

Santiago. A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) está a desenvolver unha nova edición do Programa Integrado de Emprego 2021/22, que se atopa xa no seu último trimestre de execución. O programa, financiado pola Xunta, traballou nesta edición con 100 participantes de dous colectivos: menores de 30 anos de baixa cualificación e mulleres desempregadas con diferentes niveis formativos.

A datos pechados a finais de agosto, o programa superou o obxectivo con máis de 45 insercións efectivas; así o sinalan desde o departamento de Orientación e Prospección para o Emprego da Asociación: “Este ano cumprimos o obxectivo tres meses antes que na anterior edición”.

Destacan, ademais, que 80 das 100 persoas participantes tiveron oportunidade laboral a día de hoxe, con alta na Seguridade Social e que se xestionaron máis de 200 contratos de traballo, na súa maioría indefinidos ou fixos-discontinuos, sendo os sectores con máis insercións: atención á clientela, loxística e almacén, persoal operario, hostalería e administración.

Os resultados obtidos veñen derivados dun traballo personalizado con cada participante nas sesións individuais de orientación, onde se ofrece acompañamento, adestramento de habilidades sociolaborais, sesións de coaching, envío diario de ofertas, entre outros.

En definitiva, leváronse a cabo 330 accións inviduais e xestionáronse 120 ofertas privadas de empresas, así como unha ampla dimensión formativa que superou as 1000 horas de formación. Neste senso, leváronse a cabo 23 cursos presenciais e en liña, e prácticas en empresas para 20 persoas en almacenaxe, atención á clientela e limpeza, alén doutras accións formativas. Ademais, a previsión para o vindeiro 21 de novembro, data de finalización, é que máis de 60 persoas participantes sexan insercións efectivas, afirman. s.G.

03 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito