Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Faríaseme difícil aparecer só no escenario, con aparatos que suplan o papel das persoas”

Alfonso Espiño (Santiago, 1976) é coñecedor da música compostelá en tódalas súas vertentes. Como músico, investigador e doutor en Historia da Arte, o artista emprendeu proxectos de tódalas clases. O seu proxecto musical, Espiño, nace despois dunha ampla experiencia acumulada sobre os escenarios, pasando por grupos como Contrastes ou Los Chavales. Tras gañar o primeiro premio do Certame de Galicia Creativa, que lle permitíu gravar o disco I, o seu grupo persoal pasou a ser unha realidade. Ademais, Alfonso Espiño conta cunha extensa traxectoria académica, coa que tamén profundou na historia da música na cidade. Froito da súa tese doutural, pronto verá a luz o libro Compopstela, Música moderna en Santiago (1954-1978), aportando moita luz á nosa historia musical recente. Espiño actuará esta noite súa benquerida cidade, no marco do ciclo Atardecer no Gaiás. Será as 21.00 horas, na Praza Central da Cidade da Cultura. As entradas aínda poden adquirirse a través da plataforma ataquilla.com.

A súa traxectoria musical deu moitas voltas ata chegar ao seu proxecto en solitario.

Eu comecei cantando cun compañeiro, Gonzalo Sende, hai xa trinta anos. Coincidimos nas aulas do instituto en outubro do 90, e ao poco de coñecernos xa me meteu o becho dos Beatles, e comezamos a cantar xuntos. Formamos Contrastes e estivemos con esta banda ata o ano 2003. Despois pasei a ser vocalista de Mega Purple Sex Toy Kit, ata 2006; aínda que esta banda reúnese unha vez ao ano , dende entón. Logo estiven un par de anos intentando montar a miña banda en solitario, pero en 2009 chamáronme para formar parte de Los Chavales, como vocalista, e este proxecto quedou aparcado. Cando se separaron, en 2016, foi cando comecei por fin con Espiño en solitario. Tamén tiven un dúo acústico con Gonzalo Sende e fun baixista de Linces Pop un tempo.

Pero Espiño xa se viña xestando dende hai moito.

Pois si. Tiña ganas de manter un proxecto propio coa miña personalidade, as miñas cancións, coas ideas que eu teño e coas miñas influencias. Era medio difícil, daquela, atopar xente para montalo. Agora por fin parece que teño un grupo bastante estábel, que responde perfectamente ao que eu teño en mente.

Porque aínda en solitario, escolleu ter músicos acompañándoo.

A min gústame tocar con xente. Non son anti tecnoloxía, pero faríaseme complicado aparecer eu só cun ordenador ou con aparatos que suplan ás persoas. Gústame o efecto de tocar con persoas reais, xerar eses sons e esas sensacións que se producen cando un grupo de persoas están tocando xuntas instrumentos reais e analóxicos (ri). Transmitir isto ao público ao que lle siga interesando esta proposta.

Publicou o seu primeiro disco, ‘I’, hai cinco anos. Cal é a historia?

Nada máis deixar o proxecto Os Chavales, en outubro de 2016, vin unha convocatoria para un certame que se chamaba Galicia Creativa. Compuxen dúas cancións e fun gravalas a un estudo; gravei eu tódolos instrumentos: os baixos, a batería, a guitarra, as voces, o xilófono... Estas dúas cancións presenteinas e quedaron como finalistas. E como as finalistas había que defendelas en directo, aí foi cando comezou o casting para buscar os músicos. Presentámonos e gañamos o certame. E parte do premio foi gravar este disco, I, no que gravei seis cancións da miña autoria no estudos da Fundación Autor, en Vista Alegre. Estou moi orgulloso do traballo, quedou moi chulo, tanto a portada como a maquetación e o son.

E dende entón?

O primeiro disco está esgotado... Como estiven bastante ocupado coa tese doutoral e a publicación do libro, dende entón só saíron un par de temas soltos. Agora xa vai sendo hora de publicar a continuación. Hai algúns temas que xa estamos probando en directo, así que dentro de nada tocará...

Hai un concepto moi curioso co que denomina a súa propia música, o de ‘Galedelia’.

Este concepto é unha especie de brincadeira que temos entre un achegado da banda —un amigo meu, tamén un gran coñecedor e coleccionista musical— e eu. Falamos moito, temos conversacións moi íntimas, e facendo un pouco a broma saíu con este termo, Galedelia, que é un pouco esa mestura entre Galicia e psicodelia. Como é unha palabra orixinal, que ninguén empregou nunca, pois aplícoma a miña música un pouco para marcar a diferencia. Hai que rir un pouco!

Como xa mencionou, compaxina o seu proxecto musical coa súa carreira académica. Este ano rematou o seu libro ‘Compopstela’.

O libro é unha co-edición entre o Consorcio de Santiago e o Servizo de Publicacións e Intercambios Científicos da Universidade de Santiago. Esta investigación a min enriqueceume moitísimo. O libro é o produto da tese doutural, que fixen en Historia da Arte, tamén na USC.

E a que período musical nos remiten as súas páxinas?

O libro está acotado entre 1954 e 1978, e aí indiga nas orixes da música moderna santiaguesa. Comezo cunha pequena introdución sobre o Santiago da época a nivel musical: lugares onde se podía aprender música, lugares onde se podía escoitar, ensaiar, conseguir instrumentos, partituras... Despois comézase a falar das historias dos conxuntos que moderaron o panorama musical santiagués dende entón, como Yka, N.H.U... A música latinoamericana estivo moi de moda, grazas á Sociedade Universitaria Puertorriqueña, algo que a xente descoñece. Logo eclosionaron os Beatles, en Santiago e no mundo, e créanse moitísimos conxuntos á súa imaxe e semellanza. Na última etapa, aparecen as novas tendencias da música como o soul, ou a música underground; ademais dunha clara tendencia á profesionalización.

19 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.