Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Feijóo solicita ao Goberno que amplíe os incentivos fiscais para o Xacobeo

Reuníuse coas empresas patrocinadoras, e afirmou que este Ano Santo será “o mellor da humanidade” porque traerá consigo a superación da pandemia

“Grazas por materializar o voso apoio inequívoco a un evento fundamental para Galicia, para España, para a nosa cultura occidental e para todo o mundo”. Así agradeceu este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nun acto na Cidade da Cultura, o apoio das empresas patrocinadoras do Xacobeo. Recoñeceu o compromiso das máis de vinte empresas que, ata o momento, respaldan o Xacobeo prorrogado ata 2022; e instou ao Goberno central a ampliar ata 2023 os incentivos fiscais de todas elas, ademais da concreción dos investimentos para esta celebración.

Durante o acto de presentación, o responsable do Executivo galego incidiu na oportunidade que supón esta celebración como motor de reactivación económica e social. “Estamos a falar dun evento de país, que require de todos e que ten unha marca: a marca Galicia”, abundou, garantindo o compromiso da Xunta para seguir traballando na celebración dun evento único, “tanto polas circunstancias como pola posibilidade de crear novas experiencias”.

Nesta liña, resaltou a rehabilitación da Catedral de Santiago como unha das maiores actuacións do patrimonio mundial nos últimos anos; e á reformulación do plan estratéxico do Xacobeo, baseado en dúas vertentes: unha dirixida a adaptar o evento ás necesidades da pandemia; e outra dirixida á segunda parte do Ano Santo, que empezará no último trimestre do 2021, e que comprenderá todo o ano 2022. Así mesmo, recordou que, só para este ano, a Xunta investirá 85,5 millóns destinados a programar actividades con seguridade e á promoción; así como a preparar as infraestruturas e as paisaxes do Camiño.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia e o Xacobeo son dúas dimensións inseparables que se conectan e se explican mutuamente. “Ao longo da súa historia o feito xacobeo coñeceu guerras e epidemias, pero segue e seguirá como un fenómeno de concordia e confluencia de culturas que desemboca no mesmo lugar: en Galicia; e, desde Galicia, proxéctase para todo o mundo”. Mostrouse convencido de que, a pesar das dificultades da pandemia, o Ano Santo 2021-2022 será “o mellor Xacobeo da historia”. De feito, foi un paso máis aló e proclamou que será “o mellor Xacobeo da humanidade”, xa que implicará tamén “celebrar o vencimento do virus que tentou arrasar vidas, familias e facendas”.

BONO TURÍSTICO. Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o compromiso de todos os representantes das empresas que apostan polo Xacobeo, aos que considerou “como os primeiros peregrinos deste Xacobeo 21-22”. Destacou que cando a situación sanitaria o permita, e se recupere a mobilidade, Galicia estará preparada para acoller aos peregrinos e turistas. En canto ao apoio destinado á reactivación do sector turístico, manifestou a súa satisfacción polo éxito do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia, o cal esgotou en só 12 horas as tarxetas dispoñibles. Alfonso Rueda tamén incidiu en que o Goberno galego leva tempo traballando para ter todo preparado para este Xacobeo, e recuperar a confianza dos viaxeiros nun destino seguro como Galicia, e cun Camiño Seguro.

Así, puxéronse en marcha tódolos protocolos de prevención ante a COVID-19 nos albergues, ademais de crear novas instalacións e mellorar as existentes, así como o acondicionamento das distintas rutas. Tamén se porá en marcha o seguro coronavirus, para garantir a tranquilidade dos viaxeiros ante casos de infección por COVID-19 ou polas debidas corentenas.

“Presentar Galicia ao mundo”

··· O espírito das más de vinte empresas patrocinadoras resúmese ao comezo do vídeo promocional que se pode ver na canle de Youtube do Camiño: o Xacobeo permite “presentar Galicia ó mundo”. Tamén destacan a relevancia que ten este acontecemento para unha economía galega sacudida pola crise sanitaria actual.

··· Con este obxectivo, o Xacobeo conta co apoio de Abanca, Telefónica, Applus, Abril, Alsa, Chiruca, Clun, Coren, Froiz, Gadis, Jael Joyería, Lence, Maruxas de Nata, Naturgy, La Perla del Camino, Pryconsa, R, Revi, Bodegas Gallegas, Torre de Núñez, Vegalsa Eroski, Vinigalicia y de la Fundación La Caixa.

16 abr 2021 / 19:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.