Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
José Santiso / Director do Fogar do Santiso

“Fogar do Santiso é unha filosofía de vida”

Desenvolvendo os ideais de seu avó e seu pai, José Santiso comezou no 1996 o proxecto Fogar do Santiso. Arrancou con el para dar a coñecer a historia familiar e pór en valor o patrimonio galego e, froito do seu éxito, foi ampliando e diversificando para crear un fogar para todos no que chegar a máis conciencias, sempre respectando a idea de traballar pola sustentabilidade e cun equilibrio real para lograr unha verdadeira economía circular.

Onde xorde este proxecto?

Este proxecto non é unha empresa como tal, senón unha filosofía de vida que xurdiu da nosa tradición familiar, xa que temos a gran sorte de proceder dunha familia labrega humilde. Grazas a esa familia, valoramos o xeito de traballar pola sustentabilidade do territorio, non dende un modo empresarial, senón como unha filosofía de vida na que se desprenden os sentimentos máis profundos cara o noso. Traballamos por unha transformación cara a un mundo mellor e iso haino que sentir.

Fala da familia, como o marcaron os seus antepasados?

Por un lado, meu avó era un home que tiña moita capacidade de inventiva, para contar historias, e moita creatividade, cunha grande capacidade para arranxar muíños. El foi quen nos concienciou de querer a nosa terra, os nosos costumes.

E polo outro lado está meu pai. Dende neno, caracterizouse por ser moi creativo e emprendedor, con varios proxectos, tanto de músico coma de tallista. Sendo un rapaz marchou ao estranxeiro, onde ademais de aprender idiomas foi sementando ideas na súa conciencia para pór en valor o bonito que o propio. Eran momentos complicados pola Guerra Civil, pero había un forte sentimento cara a terra.

Con esa tradición, con que obxectivo forman o Fogar do Santiso?

O que fixemos ao crear Fogar do Santiso é converter Santiso, o apelido da familia, nun fogar para todos. Levamos a cabo unha revolución pacífica para recuperar a nosa música, a nosa poesía, as nosas tradicións... A recuperación do arraigo foi o que nos levou a crear unha marca querida, porque realmente é o que sentimos, un espazo para poder amosar, con nostalxia e morriña, o noso prezado patrimonio material.

En que ano abriron as portas?

Arrancamos no 96, despois de dez anos traballando no eido cultural, recuperando tradicións. Foi por iso que decidimos arranxar as ruínas dos nosos antepasados para dar a coñecer a nosa historia e vivir desfrutando dese sentimento do arraigo. Iso converteu ao Fogar no que é hoxe en día, un proxecto que esperta emocións, fomentando o emprendemento rural e a paixón pola terra. Coa gastronomía como medio principal, quixemos chegar á conciencia da xente, xa que esta ten moito que dicir no mundo da cultura, nun lugar onde todo xira en torno a unha mesa, xa sexa nunha comida familiar, nunha romaría ou nunha festa.

Como foron eses inicios?

Comezamos cun proxecto popular e humilde, que chamaba moito a atención en temas nos que a xente entendía que era o enxebre. Era unha provocación a recuperar, con orgullo, de onde vimos, porque somos primitivos. Non nos da vergoña comer nunha táboa de madeira ou coas mans, porque comer e pasalo ben non ten que ir asociado a un mantel de fío, nin a un protocolo que se impuxo ao ir fóra. Esa atrevida posta en escena inicial fixo que se convertese nun lugar de culto, por onde pasaron xa máis de catro millóns e medio de persoas.

Como foi mudando a conciencia dende eses primeiros pasos?

Comezamos máis festeiros, sendo máis populares, pero tamén había unha obrigación de chamar as cousas polo seu nome. Por iso, había que tomar conciencia, había que ser ese proxecto e buscar a autosuficiencia, para que o sentíamos pola terra se puidese palpar. Non podemos ser unha lacra para a terra, senón todo o contrario, que esta xere beneficio ao entorno con xente comprometida co produto local e para iso fai falla pensar na clave social, económica e ecolóxica e, o máis importante, que todas elas estean en equilibrio, porque se non o hai é imposible esa sustentabilidade no tempo.

Cal é o seu obxectivo?

Queremos un fogar a 100 anos, ese é o noso lema. Se queremos que isto quede como un modelo de vida, un xeito de querer a terra e de activar o noso rural, fai falla unha filosofía de proxecto a moitos anos. Non é unha cuestión persoal, o que se precisa é que isto quede para posteriores xeracións. Se non somos coherentes e loitamos por un consumo consciente, non podemos chegar a conciencia da xente e tampouco podemos contribuír a conservación do noso territorio. Estamos nun momento de despoboamento rural, de falta de compromiso coa orixe, polo que para nós é super importante esta filosofía, pola que traballamos dende sempre e, mais se cabe, dende o 2007 polo nacemento do noso primeiro fillo.

E con esa mentalidade, cada vez están presentes en máis lugares?

O noso crecemento non é porque si, senón que é orgánico, xa que ten que entrar dentro desa economía circular que propugnamos, sempre sen perder o equilibrio, polo que levamos anos apostando por ferramentas onde se valora a trazabilidade do proxecto. Con esa base, estamos en espazos onde temos máis incidencia, así como outros urbanos nos que podemos chegar a máis xente e tocar as conciencias para que se acheguen ao rural. Ese xeito de vida tamén o levamos ao ámbito académico, con colaboracións con universidades ou escolas de negocios, representando un referente neste eido.

E diversificando o proxecto?

Así é. Diversificámolo en diferentes empresas. Levamos dende o 2004, por exemplo, traballando pola bioconstrución, recuperando o patrimonio rural para desfrutar desa historia que conta a madeira ou a pedra. Deseñamos produtos locais e ecolóxicos, que poidan ser un referente no coidado do entorno. Contamos tamén con proxectos de consultaría e unha parte académica na que, nos vindeiros anos, reforzaremos o noso modelo para que realmente haxa un futuro de compromiso co territorio.

momentos

1 Inicios. Abriu no 1996, cun proxecto moi humilde no que aproveitaron unhas ruínas familiares para crear un espazo que espertase conciencias.

2 Lema. “Queremos un fogar a 100 anos, que quede como un modelo de vida no tempo”.

3 Aposta polo noso. Dende o seus inicios, inciden na importancia do patrimonio galego, así como traballar pola sustentabilidade do territorio, de aí que presenten un crecemento orgánico como proxecto.

4Restaurantes. Neste momento, ademais do local de Teo, contan con dous en Santiago, un en Allariz (Ourense) e outro en Oleiros (A Coruña).

5 Diversificación. Traballan pola bioconstrución do rural, producen produtos locais e ecolóxicos e, entre outras, tamén realizan unha función académica.

25 oct 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.