Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
concertos. O centro musical desta fin de semana atópase no Monte do Gozo, coas actuacións de Oh!Ayatollah, Rafa Morcego DJ, Alberto Montero e DJ Pop Voyage// Esta noite tocará o trío cubano Habana Café Son, acompañado cos bailes latinos de Ray Isaac e o Colectivo Danzón TEXTO X.F

Folk e ritmos latinos no Go!Go!Zo!

Xa rematado o festival Feito a Man e os concertos do Son do Camiño Perseídas, a música sonou esta fin de semana a través do Go!Go!Zo!, emprazado tamén nos escenarios do Monte do Gozo. Entre múltiples alternativas de lecer e gastronomía que oferta este festival para toda a familia, destacan, sobre todo, as actuacións de carácter musical.

Esta penúltima fin de semana de agosto quedou inaugurada cun concerto de Oh!Ayatollah, a banda compostelá formada por Nuno Pico, Simón Cuba, Anaís Fernández, Xoel Xeada e Andrés Real. A súa proposta musical, na senda do “nihilismo entusiasta”, pretende ser a banda sonora perfecta para un xoves de esmorga, pero tamén un himno xeracional ao que aferrarse cando parece chegar o fin do mundo. Nos seus concertos, o sentimento de colectividade nunca debe faltar. Así, o pasado venres entregaron a letra de todos.xuntos.unidos.sempre para cantala todos —xuntos— a capela, nun peche de concerto emotivo. A noite tamén contou coa variedade musical de Rafa Morcego DJ, apto para amantes do soul, jazz, blues, punk, ska, pop e, sobre todo, para os fanáticos do rock and roll.

Onte, sábado 21 de agosto, foi o turno de Alberto Montero e DJ Pop Voyage. Este último é o alter ego de Raúl Santiago, que alterna a súa faceta de DJ coa de músico e xestor cultural. Traballou en locais como Trapitos y Joyas, en Compostela, e Retrovisor, na localidade de Padrón.

En canto a Montero, o cantautor valencián iniciou a súa traxectoria hai vinteún anos no grupo Shake, gravando o álbum Let Me Wear the Morning Sun (Greyhead, 2005). De seguida tivo a oportunidade de comezar unha carreira en solitario, a través de discos delicalos, cheos de narrativa, que alcanzan moitas veces un elevado nivel de instrospección. O seu último álbum, O Desencanto (BCore, 2020), segue a liña do pop-folk, cunha continuación da estética musical xa presentada en discos anteriores pero, desta vez, máis transparente ca nunca.

Esta noite terán lugar os concertos do trío Habana Café Son e de Ray Isaac e o seu Colectivo Danzón; mentres que a sesión DJ correrá a cargo de DJ Pop Voyage, unha vez máis.

Habana Café Son, a alternativa cultural da noite, presentará a súa aposta pola música tradicional cubana e de fusión: son Willy Mondeja, Amaury Quintero e Juan Eugenio Pérez. Da súa actuación podemos agardar xéneros tan populares como o chachachá, os boleros ou a guaracha, influenciados polos compositores Compay Segundo, Enrique Jorrín e Benny Moré.

Acompañando os ritmos da banda cubana estará Ray Isaac, profesor de referencia en Santiago e na súa área metropolitana no eido do baile latino. Salsa cubana, bachata ou merengue son algunhas das disciplinas que Ray Isaac imparte en distintos locais da capital galega e comarca. Esta noite acudirá ao escenario do Go!Go!Zo! acompañado por un rupo de alumnos, todos aprendices nas súas calses no Colectivo Danzón. A súa exhibición de danza animará o concerto de Habana Café Son e, como non podía ser doutro xeito, invitará ao público a seguir os pasados marcados polo bailarín.

22 ago 2021 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.