Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Goretti: “A división interna dentro dos socialistas continúa”

A portavoz do BNG cree que a crisis está pechada en falso // Reclama un plan de aforro enerxético

A portavoz municipal Goretti Sanmartín indicou onte, a preguntas de xornalistas, que o BNG considera que a crise do goberno local do PSOE de Santiago “está pechada en falso”, pois a división interna dentro do grupo socialista continúa existindo e, por máis que a queiran ocultar, é unha evidencia que a sabe a veciñanza. “Outra cuestión é que queiran cerrar filas e ocultar un procedemento que foi moi mal levado porque a poboación xa non se fía do alcalde, porque queda clarísimo que lle mentiu ao conxunto da poboación cando intenta disimular e parecer que era un acordo facer un pequeno reaxuste, como dixo na primeira comparecencia, e que se vía que era unha clara disparidade de criterios e un intento de que un dos seus concelleiros dimitise”, sinalou.

Esta situación de crise está incardinada nun proxecto deste goberno local, engadiu, que “está esgotado, que non é capaz de executar o diñeiro que ten e queren dala por fechada porque intentan ocultar o problema que deriva no malestar veciñal polas queixas do funcionamento do transporte, da recollida do lixo e a instalación de contedores, dos problemas da administración electrónica e dos comedores escolares, entre outras, porque vai chegar a fin de ano e non está executado nin o Orzamento nin os remanentes e así teñen unha desculpa máis para atribuírllela aos cambios e á remodelación para tapar a incapacidade de xestión”. Así mesmo, “o conflito non está pechado, porque a veciñanza sabe que cadaquén vai polo seu lado no grupo socialista, porque isto era algo que xa se sabía e que non se actuou a tempo”, explicou. “Esperemos que a xente tome nota e que a partir de maio exista un novo goberno liderado polo BNG que realmente teña un proxecto para o Concello e para o conxunto de Santiago de Compostela”, afirmou Goretti Sanmartín.

Por outra banda, anunciou que o BNG proporá no Pleno de novembro a creación dun Plan de aforro enerxético nas instalacións municipais, “imprecindíbel e necesaria nestes momentos de crise para beneficiar o conxunto da poboación de Santiago, ao reducir gastos e poder destinar eses recursos a outros investimentos necesarios e para que se faga realidade un acordo unánime da Corporación adoptado hai un ano para que se colocasen paneis de enerxía fotovoltaica nas instalacións municipais, que está sen executar”.

“Sorpréndenos”, manifestou, “que non haxa este plan de aforro nas instalacións municipais e, especialmente, cando recibimos queixas da veciñanza de que nos centros socioculturais e noutras instalacións municipais a calefacción está acendida mesmo en fins de semana cando non hai actividades”.

O BNG propón unha campaña de asesoramento e de sensibilización da cidadanía, poñer un servizo a disposición da propia veciñanza para ofrecer esta información e axudas, e que se complete toda a instalación de luminarias de tecnoloxía de baixo consumo, con led, en zonas públicas de titularidade municipal garantindo que tanto en rúas, en prazas e vías de tránsito se poida minimizar o consumo.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito