Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 03 agosto 2021
03:03
h

Importante impulso económico para o descubrimento temperán de fármacos

Xunta e Universidade asinan un convenio co obxectivo de financiar a ampliación da plataforma Innopharma, liderada polos doctores Ángel Carracedo e Mabel Loza

O Consello da Xunta acordou, na súa reunión de onte, asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para financiar con cinco millóns de euros a actualización e ampliación da plataforma Innopharma, especializada no descubrimento temperán de fármacos. Deste xeito, o Goberno galego avanza no seu obxectivo de converter Galicia nun polo de innovación aberto neste ámbito.

Esta colaboración permitirá a Innopharma actualizar e ampliar as súas infraestruturas para continuar co seu obxectivo de contribuír a que novas entidades cheguen aos pacientes, ofrecéndolles aos grupos de investigación biomédica do sistema universitario de Galicia e dos institutos de investigación sanitaria o seu apoio na xeración de produtos e servizos orientados á saúde e á seguridade dos compostos químicos.

Os 5 millóns de euros -financiados con fondos Feder dentro do marco do React-UE- destinaranse á adquisición e actualización de equipamento científico-técnico para aumentar as súas prestacións e mellorar as súas capacidades tecnolóxicas con metodoloxías e tecnoloxías automatizadas compatibles co tratamento a través de big data, contratación de persoal para a posta en marcha e o manexo da tecnoloxía, así como para o acondicionamento das instalacións.

Con este convenio agárdase atraer empresas tractoras, así como o talento, xerando emprego cualificado. Ademais, preténdese aumentar

a capacidade do sistema de I+D+i galego para o descubrimento temperán e o desenvolvemento de fármacos en Galicia, potenciar a posición no eido da dixitalización e o big data de Innopharma e dinamizar as colaboracións co sector empresarial mellorando a súa competitividade.

A plataforma Innopharma, nacida en 2012 e liderada polos grupos de Medicina Xenómica e Biofarma da USC a través dos doutores Ángel Carracedo e Mabel Loza, respectivamente, supuxo unha oportunidade para a creación dun polo de valorización da ciencia aplicada en descubrimento de fármacos en España.

Grazas a esta iniciativa, Galicia aparece nos mapas globais de innovación farmacéutica. De feito, está acreditada pola Comisión Europea como unha das oito plataformas de altas capacidades do European Research Infraestrutures Consortium.

Ademais, a través de Innopharma, asináronse acordos con 25 centros de investigación, investigadores principais e oficinas de transferencia de tecnoloxía, e creouse unha rede de descubrimento de fármacos española.

Esta iniciativa, que pretende cubrir o oco existente entre a investigación básica en novos mecanismos terapéuticos e a súa aplicación industrial, compleméntase co traballo da Fundación Kaertor para potenciar o sector farmacéutico en Galicia.

Con este novo apoio, a Xunta mantén o seu compromiso co impulso da biotecnoloxía, unha das prioridades da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia que traballa por que a Comunidade sexa líder no sur de Europa no eido da innovación para a mellora da calidade de vida.

Tamén supón un avance na constitución dun polo de innovación no campo biotecnolóxico, sumándose a medidas como a Estratexia de consolidación da biotecnoloxía 2021-2025, ao Hub de innovación dixital DataLife, ao centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, á incubadora Bioincubatech, así como ás unidades mixtas de investigación –tanto de oncoloxía como de descubrimento temperán de fármacos– e á Business Factory Medicines.

23 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito