Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Impulso para captar empresas no novo polo biotecnolóxico

O acordo inclúe o apoio ao servizo de vixilancia da área empresarial e das instalacións de Raxoi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) e o Concello de Compostela para seguir traballando na posta en marcha do Polo de Innovación en Biotecnoloxía, que está previsto establecer no Parque Empresarial A Sionlla.

Sobre este proxecto establécense as bases da reindustrialización da cidade, a promoción do asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento.

Segundo o novo convenio, o Concello achegará 50.000 euros para sufragar parte dos gastos derivados do traballo da Secretaría Técnica do Acordo da Sionlla. Esta oficina encargarase de impulsar e coordinar actividades que actúen como punto de encontro de axentes da cidade para a súa industrialización, poñendo en valor as potencialidades de Compostela ante a Administración autonómica, as empresas e os investidores, e promovendo especialmente o achegamento do sector da madeira ao proxecto para lograr a súa incorporación.

O acordo axudará ademais a financiar o desenvolvemento da fase industrial do Biopolo, mediante a proxección pública da súa imaxe e a difusión do polígono santiagués entre as empresas obxectivo, ademais do establecemento de contactos e o análise da viabilidade da cooperación empresarial para promover unha infraestrutura conxunta que impulse os espazos industriais. Finalmente, o Concello de Santiago colaborará economicamente coa AAET nos gastos derivados do servizo de vixilancia da área empresarial e das instalacións municipais existentes dentro da mesma, facilitando a coordinación do servizo cos organismos municipais, especialmente coa Policía Local e cos servizos de Bombeiros.

Un dos elementos que conformarán o Polo de Innovación en Biotecnoloxía é o proxecto que promove Sionlla Biotech: o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas. Esta sociedade formada pola Asociación Área Empresarial do Tambre, Uninova e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago está desenvolvendo os traballos de acondicionamento da parcela cedida polo Concello de Santiago no Parque Empresarial A Sionlla, para comezar cos traballos de edificación nas vindeiras semanas. O proxecto do CSIEB conta tamén con unha achega da Xunta de Galicia de algo máis de 4 millóns de euros.

Unha vez definidos os espazos coa colaboración do Comité Asesor e o grupo de traballo de BIOGA, estanse a deseñar as instalacións e equipamentos que permitan que no mesmo se instalen preto de vinte empresas para realizar traballos de testeo, validación de investigacións, preprodución industrial, etc.

31 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito