Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

In Memorian. Profesor José Carro Otero

    Fai soamente uns minutos que souben por Gonzalo Carro da morte do seu pai a través dun whatsapp. A miña reacción foi de abraio porque aínda nos atoparamos na praza de Praterías fai escasas semanas e estaba perfectamente. Na ocasión comentamos unha serie de proxectos a realizar na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, como continuación da conferencia que se realizara a redor da evolución do Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), do que tamén deu conta este diario nunha entrevista publicada na pasada celebración do Dia Internacional da síndrome de Asperger.

    Para min falar do profesor Carro non resulta difícil porque fixen seguimento da súa inmensa traxectoria desde que nos licenciamos en 1966. Ambos os dous sabiamos un do outro ao longo do tempo, coa complicidade que se fora producindo nunha carreira tamén longa como a de medicina.

    Na década dos oitenta, ao regreso da miña etapa xenebrina, organizamos en Vigo unha exposición, “Freud por Sigmund Freud”, onde Carro impartíu una conferencia, magnifica tanto pola súa erudición como pola exposición da temática psicanalítica que ben coñecía. Ese día falaramos de Nóvoa Santos, gran coñecedor dos estudos freudianos sobre sexualidade, que aparecían na súa famosa Patoloxía Xeral.

    Atoparse co profesor Carro en calquera lugar era un verdadeiro pracer así como falar con el sobre temas vividos e á volta da traxectoria que cada un de nós tivemos. Fai catro anos soliciteille unha colaboración para a revista Maremagnum de cara a un número especial sobre “Cultura e Autismo”. O seu artigo sobre o Camiño de Santiago e a saúde dos peregrinos foi realmente fantástico.

    En 2016 celebrábanse na Facultade de Medicina Compostelán as Vodas de Ouro da nosa promoción. Pepito Carro, como lle chamabamos con afecto, estaba en plena forma e, como non podía ser doutra maneira, ao remate da cea no Hostal dos Reis Católicos explicounos a historia que reflectían os tapices alí pendurados dun xeito brillante.

    O profesor Carro tiña unha memoria prodixiosa. Dicíase que sabía de memoria os catro tomos de anatomía do famoso Testut. E un día, na clase de Anatomía, cando o profesor Echeverri colleu a lista de alumnos e foille preguntando de un en un o oso esfenoides. Mais todos foron caendo e colleitando o seu respectivo 0. Ata que lle chegou a quenda a Pepito Carro quen colleu o oso na man e explicouno con tal pormenor que o profesor Echeverri exclamou: “Ten vostede xa matricula de honor, polo que non precisa examinarse”.

    Que un compañeiro de curso nos dera tal lección quedou gravada na memoria de toda a promoción para sempre. Sobre a memoria de Carro había moitas versións, unha delas era que durante un longo período de convalecencia, non sei si por un problema de tuberculose, tivera que gardar cama moitos meses, e como xa pensaba estudiar medicina, aproveitara para ler eses enormes tomos de anatomía que retivo dunha forma incrible!

    O profesor Carro forma parte desa saga de persoas cultas e eruditas que lle dan a volta a aquel comentario do Dr. Letamendi “o médico que soamente sabe medicina, nin medicina sabe”.

    Cipriano Luis Jiménez Casas

    Psiquiatra e psicanalista

    24 abr 2021 / 08:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito