Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Inaugurado o Outono Códax co garage-rock de Daddy Long Legs

Tra-lo concerto de onte, o vindeiro mércores chegará a quenda de Bart Davenport

Onte arrancou o Outono Códax 2022 por todo o alto, sen tempo para preliminares nin para demasiadas concesións. Para a apertura da súa duodécima edición, o festival compostelán de músicas negras trouxo unha descarga de garage-rock con marcadas influencias das músicas de raíz norteamericanas a cargo da banda neoiorquina Daddy Long Legs.

Saídos da escena musical de Brooklyn, Daddy Long Legs chegou onte á Capitol cun novo formato de 4 membros: Dave Klein nos teclados, Brian Hurd poñendo voz e manexando harmónica e guitarra, Murat Akturk na guitarra slide e Josh Styles á batería. O cuarteto bebe das influencias que deixan figuras e bandas como Son House, Captain Beefheart, Howlin’ Wolf, MC5 e Dr. Feelgood e as fusiona nun son que personifica o garage-rock e o punk cunha crueza contemporánea baixo o seu hipervitaminado R&B marca da casa. En palabras da revista Rolling Stone, “Daddy Long Legs é como o blues de Chicago disparado á lúa, interpretado polos nenos dementes de Pretty Things”, unha concepción que deixaron ben claro no espectáculo que trouxeron a Compostela.

PRÓXIMA CITA. O festival terá continuidade en Santiago o vindeiro mércores no Riquela Club; neste caso, a cargo do cantautor californiano Bart Davenport. Volvendo ás guitarras acústicas e aos tons pop barrocos dos 60, Davenport gravou recentemente doce novas cancións no seu estudo caseiro. O resultado, Episodes, foi publicado o pasado marzo e será o que presente na súa visita a Compostela, ao tempo que aproveitará para conmemorar o vixésimo aniversario do lanzamento do seu primeiro disco.

Os abonos para asistir a este concerto no Riquela Club poden adquirirse en físico en A Reixa-Matrioska (Rúa do Hórreo, 46), e de xeito online en www.ataquilla.com. O prezo é de 12€ más gastos, en venda anticipada, e de 15 euros en billeteira.

03 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito