Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Inxección’ xacobea para relanzar con multitude de actos o mundo da cultura

Turismo de Galicia achegará máis de cinco millóns para contribuír á posta en marcha de actividades variadas durante o Ano Santo

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o titular de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinaron onte un convenio para a promoción de eventos culturais neste Xacobeo 21-22, unha colaboración entre ambos departamentos que suporá reactivar a programación cultural deste Ano Santo baixo protocolos de seguridade.

Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia achegará á área de Cultura 5,3 millóns de euros para contribuír á posta en marcha de parte das actividades culturais que se desenvolverán este Xacobeo. Será una programación variada, distribuída por todo o territorio, destinada a todo tipo de público que sumará unha vintena de proxectos de música, danza, artes escénicas, audiovisual ou exposicións, incluíndo concertos, festivais de música clásica ou verbenas, entre outros.

Nesta programación terán presenza proxectos xa coñecidos como Cultura no Camiño, Xacobeo Cidades ou Fest Galicia e impulsaranse novos programas e eventos dirixidos a fomentar os valores do Ano Santo, que se irán detallando nas vindeiras semanas. Toda a actividade desenvolverase baixo protocolos de seguridade que se están a ultimar coas autoridades sanitarias e o sector e que se presentarán nos vindeiros días.

Alfonso Rueda indicou que “para o Goberno galego manter e impulsar o sector cultural, ademais de representar un factor da nosa identidade, representa tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico que debemos seguir fortalecendo con ideas proactivas e garantindo sempre a máxima seguridade”.

Pola súa banda, Román Rodríguez afirmou que esta colaboración suporá un novo impulso para a oferta cultural deste Ano Santo que levará o espírito desta celebración a todo o territorio galego, desde as cidades e as vilas medias ás zonas do rural. “Galicia é un referente neste eido”, indicou.

14 may 2021 / 23:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito