Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

José Antonio Cajaraville: matemático amigo, vital e positivo

O sábado 14 de novembro, na véspera do día de San Alberte Magno, patrón dos científicos, abandonounos de súpeto o matemático, xubilado da Universidade de Santiago, que recordaremos sempre pola súa vitalidade, sinxeleza e positividade: José Antonio Cajaraville Pegito (Roelle-Vedra,1951). Neste día de orballo e morriña, máis negro aínda pola pandemia e o confinamento, escribo estas liñas de lembranza de quen foi o meu mellor amigo.

Ser amigo de Antonio era moi fácil. El era amigo de todos. Era feliz cando nos vía felices e revivía cos nosos éxitos. Coa súa personalidade envolvente, alá por onde ía, deixaba unha piña de amigos para toda a vida. Na escola de Lestedo, no traballo en Ávila, na carreira e no traballo na universidade, no abano de curmáns da súa familia, no sendeirismo... E cultivaba esas relacións dunha maneira exquisita, visitando, chamando, enviando mensaxes, fotos, cancións... Necesitaba ternos a todos conectados, porque gozaba sabendo de nós e compartindo todo o que facía. E fixo moitas cousas.

Comezou a traballar sendo un adolescente en Ávila, ao tempo que cursou o bacharelato nocturno, ata que, visto o seu talento matemático, decide retornar e facer a carreira de Matemáticas en Santiago. Aínda que vivimos sempre a tiro de pedra un do outro, foi nas aulas da facultade onde vin por primeira vez a corpulenta figura de Antonio e presentámonos uns días despois en Lestedo, nas festas do Pico de xaneiro de 1974.

Esa noite naceu unha amizade e unha admiración mutua que durou toda a vida. Amizade que se forxou, estudando matemáticas, pero tamén comendo filloas na lareira, nas mallas e traballos no campo, nas verbenas, nas innumerables xuntanzas familiares, cos fillos e amigos comúns.... ou nos eventos universitarios nas nosas facultades ou no Pazo de Fonseca, na miña etapa como reitor. Fai cinco anos facendo unha foto cos traxes académicos ao pé da estatua de Fonseca, fundador da Universidade, fervía de felicidade: “Ai que ver, Juan, o camiño intelectual destes dous rapaces das aldeas do fondo do Pico ata o cumio do coñecemento que representa esta estatua de Fonseca...”.

Antonio sempre foi o motor que tirou de min e de moitos amigos. Unha capacidade inmensa de conectar coa xente e de apaixonarse coas cousas sinxelas e compartilas con todos. Apaixonouse coa carreira de Matemáticas, ata ser profesor titular da Área de Didáctica, na Facultade de Ciencias da Educación e dirixir varias teses de doutoramento e dar conferencias en España e Arxentina. Era tal a ilusión que poñía que xa en 2º curso convenceume para que fixeramos uns apuntes de análise numérica que tiveron gran éxito. Foi decisivo na miña inclinación por esa disciplina. Apaixonouse cos primeiros ordenadores e o ensino do seu manexo por toda Galicia a comezos dos oitenta.

No tempo libre, Antonio ilusionábase coa auga. Beber nunha fonte, nadar nunha praia en Laxe ou Areas, bañarse nunha piscina ou nas pozas quentes de Ourense, era para el un placer irrenunciable. Antonio vibraba e facía que vibraras coas carreiras de coches. Ata que conseguía levarnos á subida a Chantada ou ao rally da Estrada non paraba.

Profundo coñecedor da música folk galega e namorado do blues popular, Antonio gozaba e intentaba que gozaras dun concerto de Treixadura ou vendo a Banda de Música de Rivadulla e, máis aínda, dos concertos de Bod Dylan ou Bruce Springsteen. Moitas mañás nos enviaba por whatsapp un vídeo con algunha canción destes ídolos. Ávido lector –encantáballe o Cela da primeira etapa–, investigaba a fondo temas que lle atraían das matemáticas, da medicina ou da historia dos seus antepasados. Nos últimos anos tamén se iniciou na pintura.

Antonio gozaba vivindo coma un verdadeiro galego. Os furanchos, as churrascadas familiares, a partida de truco de seis... As matemáticas non nos deixaron nunca tempo para xogar ás cartas e, así e todo, aínda hoxe se fala daquela partida que os matemáticos lle gañamos, de carambola, aos máis avezados xogadores da taberna de Guerra en Vedra. Repetila será xa imposible.

Antonio foi sempre un viaxeiro incansable. Coñecedor profundo da xeografía galega, era feliz facendo rutas en coche e a pé. Lugares de toda Galicia, santuarios, miradores, Arxentina, Cuba... Unha vez alí, examinaba en profundidade cada detalle das terras e das súas xentes. O ano pasado, iniciamos con ánimo desbordante, a peregrinación polo Camiño de Inverno co club de sendeirismo da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC. Fomos felices percorrendo as Médulas, sufrimos subindo ao castelo de Cornatel e baixando pola calzada romana de Belesar. A fractura do meu nocello, o virus, a baixa de Antonio... que difícil está chegar ao Obradoiro!

A bicicleta eléctrica foi a solución de Antonio para poder seguir visitando lugares e amigos cando a andaina o facía sufrir. E apaixonouse con ela, como facía con todo. Nas últimas semanas, cada mañá aparecía nun sitio, lonxe da casa, feliz, cun sorriso de rapaz contento, enviándonos a todos fotos e vídeos da ruta. O día 14, regresando polo fondo do Pico Sacro ao pé do Ulla, falloulle o inmenso corazón que tiña e morreu sobre a bicicleta. Deixounos unha grandísima persoa. Un galego bo e xeneroso. Un matemático, un amigo de todos, vital e positivo, que recordaremos sempre.

24 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.