Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

‘Lección histórica’ de Cantigas e Agarimos no pregón das Festas do Apóstolo

Dous dos integrantes, Manuel Rey e Antón Fernández, foron os encargados de dar comezo ás festas a través dun repaso da traxectoria da agrupación

Pouco antes das dez menos vinte da noite e co cartel de “Completo” –dentro das limitacións actuais– saían ao balcón do pazo de Raxoi Manuel Rey e Antón Fernández, os pregoeiros do Apóstolo 2021. Os integrantes da agrupación Cantigas e Agarimos deron unha lección de historia a todos os composteláns que se achegaron ata o Obradoiro para presenciar o arranque das festas máis picheleiras.

O seu actual presidente, Manuel Rey, comezou por celebrar os máis de cen anos da formación. Foi en 1917 –tamén durante o Apóstolo– cando se formou o antecedente directo de Cantigas e Agarimos: o coro Queixumes dos Pinos, dirixido por Bernardo del Río. Tal e como está a acontecer agora, por aquel entonces tamén se estaba a vivir unha pandemia por mor da gripe española. Rey lembrou aquela “Galicia de mortos” que deixou, entre eles varios integrantes do coro e o seu vicepresidente, Porteiro Garea. Foi entón cando Castelao, coñecedor do infortunio, quixo “facer triunfar o ideal que tanto amou Porteiro”. Así é como naceu Cantigas e Agarimos, un “coro popular e tradicional” coa idea de “recuperar e dignificar o folclore popular, romper o divorcio cultural entre a cidade e o medio rural e contribuír ao fomento de que a cultura galega pasase a ocupar un espazo central na vida cotiá”, en palabras do pregoeiro.

Nun primeiro momento formado por “vinte homes e vinte e seis valentes mulleres”, Cantigas e Agarimos foi medrando ata converterse nun referente da música e do baile tradicional en Santiago e en Galicia, pero tamén en diversos puntos de España e no mundo. No 1973 mesmo cruzaron o Atlántico para participar nas Xornadas de Cultura Galega organizadas polo Centro Galego de Bos Aires.

Antón Fernández, expresidente da agrupación, tomou logo a palabra para continuar co relato histórico do seu compañeiro. Quixo lembrar o grupo de teatro galego de Cantigas, fundado nos anos 60 por Rodolfo López-Veiga, cuxo fito máis importante foi a representación de Os vellos non deben de namorarse na Quintana durante o día de Galicia de 1961, naquel momento tan gris e escuro para a cultura durante a ditadura.

Outra das cousas que define a Cantigas e Agarimos é a súa aposta polo baile. Antón Fernández fixo fincapé en que a agrupación, da man de Crisanto Sanmartín Beiroa, logrou que “as parellas de baile que acompañaban ao coro foran medrando ata acadar un protagonismo importante”, ata o punto de gañar dez medallas nas Xornadas de Folclore Galego. Fernández tamén fixo referencia ás pandereteiras, que chegaron a colaborar con artistas do nivel de Amancio Prada, Kepa Junkera, Davide Salvado ou Xabier Díaz.

Na recta final Manuel Rey colleu de novo o micrófono para render a súa pequena homenaxe á Escola de Cantigas e Agarimos, sen a cal non se podería asegurar a continuidade da agrupación nas xeracións vindeiras. Coa escola viñeron “as vinte edicións do Día da Muiñeira e as vinte e unha do Concurso de baile e música tradicional de Cantigas”. Para Rey, a escola é un “dos maiores logros da agrupación”, cun traballo ligado á “recuperación e posta en valor da cultura tradicional galega” para transmitirlla a “pequenos e maiores” a través das aulas impartidas.

Calquera compostelán é coñecedor da relevancia de Cantigas e Agarimos na cidade. Con máis de 80 integrantes entre as seccións de coro, baile, pandeireta e instrumental, logran espallar a bagaxe das tradicións do pobo galego a través dun espectáculo de calidade, logrando que o espectador se sinta coma nunha viaxe temporal.

Así foi como, cando se cumpren cen anos da creación da agrupación, Cantigas e Agarimos puido ostentar a honra de ter sido pregoeira das festas do Apóstolo, sucedida dunha gran ovación por parte do público. Acto seguido, as actrices Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro fixeron rir aos asistentes cos seus Monólogos Sen Restricións.

programación
Dez días e eventos variados

··· Para mañá hai programados catro concertos: o de Laura Lamontagne e Pico Amperio ás 20.00 horas no palco de música da Alameda; o de ‘dani’, ás 21.00 no parque de Galeras; o de Rodrigo Cuevas ás 22.00 na Quintana; e o de Tato López, ás 22.30 en Mazarelos.

··· O xoves terá lugar o tradicional Torneo de Chave na Alameda, que este ano celebra a súa XLIII edición a partir das 19.30 horas. Algo antes, ás 18.00 h., na mesma Alameda haberá unha función de circo titulada Vol e Temps Distans. Pola mañá (de 10.30 a 12.30 horas) haberá as Alboradas da man de asociacións culturais.

20 jul 2021 / 23:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.