Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
CARMEN LAGO RIVERA Fundadora de Pementos Carmucha

“Levo sesenta anos vendendo pementos de Herbón; os que pican coñézoos polo tacto”

Carmen Lago Rivera, máis coñecida como Carmucha, é toda unha institución en Herbón (Padrón) e unha ilustre embaixadora do seu produto estrela: o pemento. Leva case toda a súa vida adicada á súa comercialización, unha actividade á que se adicaron tamén a súa bisavoa, a súa avoa e a súa nai, e á que ela segue entregada xunto ó seu fillo, José Manuel. Aínda que leva vendendo pementos dende os 16, o negocio familiar deu un salto cualitativo en 2010 ó adherirse á Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón, momento no que se fundou Pementos Carmucha. Hoxe, o produto chega a todos os recunchos de España, pero ela segue indo a vendelos cada domingo ó mercadillo de Padrón. Cada día pasan polas súas mans parte dos 27.000 pementos (300 bolsas) que se comercializan. Un a un. Os que pican e os que non.

Cando empezou vostede a vender pementos?

Ós 14 anos, cando saín da escola, fun aprender a coser. Aprendín a zurzir calcetíns cunha bombilla. Os meus pais abriron unha taberna-ultramarinos (Casa Dios) e, durante o inverno, eu, xa con 16, axudaba a atender no mostrador. No verán axudáballe tamén a miña nai a apañar pementos para vender. Pero eu non valía moito para estar na taberna, porque, cando alguén marchaba sen pagar, eu non tiña cara para lle reclamar. Pero a miña irmá Lourdes si valía para iso, e puxérona a ela a atender na taberna. A min tocoume ir apañar e vender pementos.

Como lembra aqueles inicios?

Primeiro ía vendelos a Vilagarcía, ca señora María. Iamos no tren. E despois a Pontevedra, xa con 17, coa señora Carmen, que foi quen me ensinou a vender. Porque hai que saber. Hai que ter dozura no trato coa xente. E non podes estar alí sentada coma unha monxa; hai que saber ofrecer o produto. Eu sempre fun vender tamén todos os domingos ó mercadillo de Padrón. E sigo indo. En 1995 empecei no de Bertamiráns. A miña bisavoa tamén se adicara ó mesmo; e a miña avoa, que os vendía en Vigo; e a miña nai, que con oito anos xa ía coa súa a Santiago.

Que supón para vostede esta actividade?

É a miña vida. A miña paixón. Se me faltara esta rutina, aburriríame. Gústame moito clasificar, embolsar e vender pementos. Quero seguir facéndoo... ata que enferme ou ata que me falten as forzas.

Como cambiaron os tempos o xeito de cultivar e de vender?

Moito. Antes todo o traballo era manual. Hoxe, o terreo prepárase con máquinas que aceleran moito o traballo. Hoxe, catro persoas preparan en dúas horas catro ferrados de terra, algo que antes lles levaba día e medio. Eu, cando era nena, ía ó mercadillo cun saco de vinte quilos e vendíaos todos. Pero hoxe tamén se comercializa por Internet, que abre moito mercado polo mundo.

A onde se comercializan os pementos de Carmucha?

Por toda España. O noventa por cento vai destinado fundamentalmente á hostalería, e o resto, véndese en mercadillos, para froiterías...

Que recoñecemento ten a marca?

No ano 2010 Pementos Carmucha adheriuse á Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón. Foi entón cando o meu neto Alejandro empezou a xestionar a empresa, ata 2018. Este ano concedéronnos o selo Galicia Calidade. O seu director xerente, Alfonso Cabaleiro, felicitounos pola gran promoción que facemos do produto. Un dos nosos clientes é o chef Martín Berasategui, a quen lle enviamos cada semana corenta bolsas.

Como é o seu día a día?

Fago as labores da casa e, os luns, mércores e venres pola mañá vou unha hora coidar de miña nai (aínda que ten unha coidadora), que ten 103 anos. Tamén vou todas as tardes dúas horas. Tamén meus irmáns Jorge e Lourdes a van coidar. Agora levo un ano sen ir apañar pementos; clasifícoos e métoos nas bolsas.

Ata cando estivo en activo a súa nai?

Ela estivo vendendo pementos ata que cumpriu noventa e cinco anos. Deixou de ir vender ó mercadillo de Padrón cando se implantou o euro como moeda oficial.

Como sabe cales pican e cales non?

Levo sesenta anos vendendo pementos; os que pican xa os coñezo polo tacto. Eu nas bolsas só meto os que non pican. Prefiro preguntarlle ós clientes se queren dos que pican. Lévoos sempre en bolsas aparte, e se queren, métolle uns poucos e non llos cobro. Eu penso nos nenos e nas persoas que están enfermas do estómago, por exemplo. Ademais, o que quere dos que piquen xa os pide.

Que outros produtos comercializa Pementos Carmucha?

Facemos confitura de pemento, para acompañar carnes ou pescados. Ten moi boa aceptación. Producimos uns mil botes ó ano en dous tamaños (de 40 e de 160 gramos). Dende fai dous anos tamén facemos pimentón verde, elaborado con pementos de Herbón. Levounos un ano de traballo dar coa textura e co color ideais. Para facer un quilo de pimentón precísanse setenta de pementos. O corenta por cento do pimentón verde que facemos vai para a queixería Casa Zolle de Friol, que elabora con el outro produto único de moito éxito: o queixo de pementos de Herbón.

E teñen algún proxecto?

Si. Dentro dun mes, aproximadamente, imos lanzar ó mercado un novo produto innovador. Pero, de momento, iso é un segredo.

momentos

1 Familia. Carmen Lago naceu en Herbón (Padrón) en 1944. Ten 76 anos. Está casada con Luis Ferro, e os dous traballan no negocio familiar que rexenta seu fillo, José Manuel Ferro: Pementos Carmucha. Ten dous netos: Alejandro e Andrea.

2 Empresa. Pementos Carmucha produce cada tempada (entre maio e outubro) unhas 11.000 bolsas de pementos que vende a toda España. Conta con catro invernadoiros que ocupan unha superficie total de 2.000 m2, e dous de 400 m2 para sementeiros.

3 Produtos. Ademais de pementos, a firma comercializa confitura de pemento e pimentón verde. Dentro dun mes lanzará outro produto innovador.

4 Seis xeracións. A nai de Carmen (Carmucha), a avoa (Teresa) e a bisavoa (Marica) tamén vendían pementos, unha actividade que seguiron ela, o seu fillo José Manuel e, de 2010 a 2018, o seu neto Alejandro.

23 sep 2020 / 02:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito