Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
María Giménez, Tin Novio e Pablo Carpintero son os compoñentes deste grupo que recupera cantigas cos instrumentos do Pórtico da Gloria // Os seus dous discos son un excelente exemplo da posta en valor da cultura TEXTO Arturo Reboyras

Manseliña: a música medieval tamén acada éxito en YouTube

Manseliña é un grupo de música medieval que compoñen María Giménez (voz, percusión tradicional e fídula do Pórtico da Gloria); Tin Novio (laúde); e Pablo Carpintero (gaitas, frautas e percusións do seu obradoiro de instrumentos tradicionais). Desde o seu debut en 2017 ofreceron numerosos concertos achegando ao público á música medieval e á literatura. En conversa con EL CORREO, María Giménez, unha das integrantes do grupo e profesora de Música no IES de Sar, en Santiago, explica que unhas 1.700 cantigas conforman o corpus da lírica galego-portuguesa. “Desgraciadamente a música que chega a nós, alén das 427 cantigas de Santa María, redúcese a dúas follas voandeiras que apenas conteñen sete cantigas de Martín Códax e D. Dinís, respectivamente”, explica. Porén, no tratado medieval Arte de Trobar recóllese o recurso chamado cantiga de seguir, segundo o cal unha cantiga podía tomar como préstamo a melodía doutra. “A existencia documentada desta práctica ofrece a oportunidade de recuperar a poesía galega medieval como foi concebida, é dicir, para ser cantada”, afirma.

Ademáis dos xéneros amigo, amor e escarnio, detalla, existen outros xéneros menores entre os que se atopan os cinco lais (tipo de canción) vencellados á materia de Bretaña, “tradución libre de lais franceses que aparecen como interpolacións musicais no Tristán en prosa do Ms. de Viena. Ditos lais líricos conforman un grupo fronte aos lais narrativos, dos que os de María de Francia son os máis destacados e influíntes”, engade.

Manseliña leva varios anos investigando a orixe, o contexto e o percorrido dos lais e as súas músicas e a súa pegada na lírica galego-portuguesa, que trascende a outros xéneros coma os escarnios, as cantigas de amor ou as de Santa María.

Así, o grupo pretende recuperar a súa música seguindo as premisas da Arte de Trobar, tomando conta do ir e vir de melodías que circularon pola Europa medieval de lai bretón a lai francés e de lai francés a lai galego, pero tamén de lai a chanson ou de planctus a lai, pois xograres, trobadores e cregos errantes actuaron como trasnmisores desta tradición oral na que a composición, a improvisación e a reutilización de tópicos poéticos e musicais se confunden.

Desde o seu debut en Espazos Sonoros en 2017, Manseliña leva gravados dous CD co selo especializado en música antiga Lindoro. Trátase de Sedia la fremosa. Cantigas medievales y tradicionales del Noroeste Peninsular (2019), no que revisa a interpretación das 7 cantigas de M. Códax buscando conexións entre a música tradicional galega e a lírica medieval; e María Pérez se maenfestou. Cantigas de escarnio a María Balteira (2021), no que reúne as cantigas de escarnio a ela adicadas, reconstruíndo a música perdida con melodías francesas, occitanas e galego-portuguesas moi difundidas en Europa durante os séculos XII e XIII, así como da tradición oral actual.

Ademáis, Manseliña tamén difunde a súa música na súa canle de YouTube, que ten captado a atención de blogs de poesía, de música e de mundo medieval, como Moyenagepassion; e de revistas de xénero, como Mujerart Magazine. O seu clip de presentación do CD foi vídeo da semana da revista Melómano Dixital en outubro de 2021. Dous tracks dos seu último disco son parte da playlist Mulleres na música galega da páxina Orgullo galego.

Cando se lle pregunta se é difícil competir coa música comercial que ocupa hoxe todos os espazos nas principais emisoras, María comenta que a música medieval tamén ten o seu público, e que ademais é moi variado. “Eu penso que a música medieval gózana tanto persoas novas como maiores; é unha música que transmite moito; e que tamén ten ritmo, consegue animar un auditorio”, explica en conversación con este diario.

O seu non é só subirse a un escenario e cantar ou tocar un instrumento, senón que hai un traballo previo moi complexo antes de cada concerto; un proceso de investigación e desenvolvemento que en parte contribúe á posta en valor da cultura. De aí que sorprenda que ás veces as administracións non mostren o compromiso que se demanda para a promoción deste tipo de música, que retrata á perfección a Galicia medieval e as súas xentes. Os dous discos de Manseliña son un exemplo dun excelente labor.

06 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito