El Correo Gallego

Noticia 3 de 17 noticia anterior de Mulleres na Ruta Xacobea Santiago » Mulleres na Ruta Xacobea

mulleres na ruta xacobea (X)

Margery Kempe, a gran peregrina británica do século XV, viaxou a Santiago polo Camiño Inglés desde A Coruña

Forma parte dun grupo de peregrinas místicas xacobeas no que tamén sobresaen Bona de Pisa e Bríxida de Suecia // Malia ser muller de notables recursos económicos deixa todo en mans da súa familia e bótase aos camiños só coas modestas roupas que viste

Portada de `The Book´, de Margery Kempe
Portada de `The Book´, de Margery Kempe

MANUEL F. RODRÍGUEZ XORNALISTA ESPECIALIZADO NO CAMIÑO E TRABALLADOR DA S. A. DE XESTIÓN DO PLAN XACOBEO  | 24.08.2019 
A- A+

Podería dicirse que chegou a Santiago de milagre. O armador do barco no que pretendía viaxar camiño da meta xacobea non a quería a bordo. E cando finalmente logra embarcar, grazas á un cabaleiro que coñecera que lle paga a pasaxe con tanta esplendidez que o patrón da nave en cuestión non pode resistirse, alguén a ameaza con que a botarán ao mar en caso de treboada. Seica as mulleres daban mala sorte no mar e mesmo algunha sobrada de maldade podía provocar temporais.

En fin, a travesía realizouse sen treboada ningunha e a nosa intrépida protagonista, a inglesa Margery Kempe (1373-1440), chegou a Santiago sen maiores contratempos. Era o ano 1417.

Decidira Margery vir á urbe compostelá tras cumprir os corenta anos e logo de parir catorce fillos. Foille posible esta viaxe, e outra anterior a Roma, grazas a un pacto co seu marido para dedicar o resto da súa vida á peregrinación. Un pacto singular para aquel tempo e que foi o resultado do imparable impulso espiritual que Kempe sentía e ao que decide dar vía libre a través da viaxe.

Malia ser muller de notables recursos económicos deixa todo en mans da súa familia e bótase aos camiños só coas modestas roupas que viste, clamando con gran vehemencia a necesidade de máxima pureza e ascetismo espiritual. Esta ansia, que fai que sexa vista como unha muller histérica e perigosa, mesmo malvada, acabará por convertela nunha das grandes místicas inglesas, xunto con Xuliana de Norwich (1342-1416), a súa gran inspiradora e aínda máis influente e famosa que a propia Margery.

O resultado das súas viaxes recolleunas contra 1438 un sacerdote que converteu en manuscrito o que ela lle contou, pois non sabía ler nin escribir. A obra resultante, The book of Margery Kempe descubriuse en 1934 e publicouse pouco despois. Tivo un notable éxito e hoxe considérase a máis antiga autobiografía en idioma inglés. Hai unha estupenda tradución ao español publicada en 2012 por Salustiano Moreta, da Universitat de València.

En barco talvez ata A Coruña. The book é a fonte da peregrinación de Margery. Infórmanos como parte da cidade de Lynn, na coste este inglesa, onde vivía. Como chega para embarcarse ao porto de Bristol, situado no suroeste e que era o principal punto marítimo histórico dos peregrinos ingleses a Santiago. E como debe agardar alí seis semanas ata que logra embarcarse, superadas as dificultades comentadas.

Conta tamén este texto que a travesía por mar durou sete días e que foi tranquila, tal vez porque se realizou no verán. A estancia en Galicia chegou aos catorce días e resultoulle a Margery óptima. Por suposto, o seu estilo: "Foi moi feliz alí -escribe o relator do manuscrito-, tanto corporal como espiritualmente, con moitos gritos e abundantes lágrimas". Tamén transcorreu sen novidade a volta á Bristol, que durou cinco días.

Non se cita en The book, pero pola duración da travesía e as súas características, todo indica que o seu destino de chegada e de volta a Inglaterra foi A Coruña, o gran porto histórico galego de peregrinos, con enorme diferencia sobre calquera outro, desde onde seguiría o Camiño Inglés. O manuscrito, por certo, confirma tamén que o tráfico marítimo xacobeo da Baixa Idade Media foi en distintos momentos de gran relevancia. Vai na liña do que o prestixioso historiador inglés Peter Russell ten sinalado: que "non houbo un movemento entre Inglaterra e a Península tan importante como o xerado pola peregrinación".

Outras místicas peregrinas a Santiago. Un tema aínda por estudar é o papel que xogaron as peregrinas de vocación mística que visitaron Santiago e as motivacións que as impulsaron. Porque Margery Kempe foi unha delas. Pero non foi a primeira nin a máis famosa.

Máis sona a nivel internacional ten a italiana santa Bona de Pisa (1155-1207), que veu nove veces a Santiago. Quizais non parecéndolle suficientes, tivo visións, para ela tan certas como as viaxes reais, de que tamén peregrinaba voando a esta urbe. Isto levou ao papa Xoán XXIII a declarala en 1962 patroa das azafatas.

E imprescindible é citar a santa Bríxida de Suecia (1303-1373). A gran mística sueca procedía dunha familia de antigos peregrinos a Santiago e xustamente a compostelá foi a súa primeira meta (1341-1343), pois viaxou tamén a Xerusalén e Roma. A actual patroa de Europa tivo na catedral de Santiago unhas visións que serían decisivas no seu proceso de canonización.

En 2017 asistín en Sigüeiro á inauguración dun pequeno monumento en recordo do posible paso por alí, seiscentos anos atrás, de Margery Kempe, e din unha charliña sobre ela. Preparando esa intervención, entendín que máis que unha mística, Margery foi quizais unha amante extrema da liberdade. O mesmo se advirte a distancia en Bona e Bríxida. A liberdade a calquera prezo. E o Camiño de Santiago medieval era, matizando canto se queira, un singular espazo de liberdade. Cada vez teño isto máis claro.

O resultado das súas viaxes recolleunas contra 1438 un sacerdote que converteu en manuscrito o que ela lle contou, pois non sabía ler nin escribir. A obra resultante, The book of Margery Kempe, descubriuse en 1934 e publicouse pouco despois.