El Correo Gallego

Noticia 17 de 26 noticia anterior de Mulleres na Ruta Xacobea Santiago » Mulleres na Ruta Xacobea

mulleres na ruta xacobea (XXIV)

Mulleres peregrinas do século XXI. Historias emotivas e de superación persoal

XOSÉ ANTONIO GRELA  | 29.10.2019 
A- A+

Que este é o século da muller semellan quedar poucas dúbidas. A pregunta é por que houbo que agardar tanto para que esta realidade se producise. Mostra deste feito é que no Camiño de Santiago e, por primeira vez na historia, desde que hai series estatísticas, as mulleres peregrinas superaron os peregrinos varóns no ano 2018. Tendencia que está a confirmarse no que vai de 2019, porque a mediados deste verán o 50,8% dos peregrinos que retiraron a súa Compostela foron mulleres.

Datos oficiais da Oficina do Peregrino que, se ben refiren unicamente os que solicitaron a súa acreditación, marcan e indican un cambio de tornas, aínda que durante o inverno seguen sendo máis homes que mulleres os que están no Camiño (xaneiro de 2019 só un 34% son mulleres, mentres que nos meses de marzo e abril, e particularmente no verán, case se inverten as porcentaxes, pasando a ser dun 52% para elas).

En concreto, hai rutas moi reveladoras. Ata Zamora conflúen os camiños Mozárabes, o Camiño de Levante e a antiga Vía da Prata e, neste punto, os peregrinos poden escoller entre subir ata Astorga e enlazar co Camiño Francés ou entrar en terras galegas polo coñecido Camiño Sanabrés. En setembro de 2018, o albergue da vila de Tábara, radicado nesta ruta, rexistrou 194 peregrinos dos que 144 foron peregrinas.

Cal é o perfil desta muller contemporánea que pon rumbo á cidade do Apóstolo? Pois, como non podía ser doutro xeito, moi diferente e diversa. Vexamos algúns exemplos: Halina, unha monxa de 69 anos, de orixe polaca, percorreu o Camiño desde o seu país natal en bicicleta. A súa posición aerodinámica, os seus hábitos e a velocidade fixeron o resto. Un vídeo en Youtube con máis de 500.000 reproducións en poucas semanas converteuse en viral ou trending topic no verán de 2017.

Os medios audiovisuais e gráficos non escatimaron en titulares: "Sor bicicleta, la monja más veloz del Camino de Santiago"; "Con hábito de monja y a lo loco: Sor bicicleta, la peregrina más veloz, ronda los sesenta años"; "Sor bicicleta, con hábito, chanclas y a velocidad desatada por el Camino de Santiago"; "Sor bicicleta, la monja supersónica del Camino de Santiago"; "Sor bicicleta, la monja que bate récords en las redes sociales", ...

Outro perfil de peregrina son as mulleres que como doentes dunha enfermidade especificamente feminina, o cancro de mama, fan o Camiño xuntas. Cada vez máis programas especiais de dinámica de grupo e convivencia, entre doentes coa mesma patoloxía ven no Camiño de Santiago unha terapia de curación corroborada polas estatísticas, porque a depresión e a soidade non son boas compañeiras para a saúde.

Camino de Esperanza, do Hospital Infanta Leonor de Vallecas; Chicas Rosas, do Hospital Virxe de Valme de Sevilla; ou El Camino de tu Vida, do Hospital La Princesa de Madrid, son algunhas mostras disto e cun efecto contaxio que se está estendendo por toda a xeografía peninsular. Algúns destes proxectos terapéuticos xa están na cuarta ou quinta ruta xacobea, institucionalizando o Camiño de Santiago como un camiño de curación. Cirurxiás e enfermeiras acompañan como unhas peregrinas máis a estes grupos de doentes que, se ben se iniciaron cunha causa común, non están pechados a doentes doutras enfermidades (cancro de ovario) ou mesmo a integrar a homes con patoloxías oncolóxicas ou a viúvos que fan o Camiño en nome da esposa que non sobreviviu á enfermidade.

Historias verdadeiramente emotivas e de superación persoal que non convencerán a moitos escépticos que pensan, non entanto, que o Camiño de Santiago fai de placebo, falto de principio activo. Pero ao igual que as ondas de radio son invisibles para os mecanicistas, abonda con escoitar de primeira man as impresións e valoracións sobre a experiencia e a forza interior que o Camiño deixa en quen o fai.

A filósofa e escritora Anina Anyway pregunta se facer o Camiño soa ou non no seu blog

As franxas de idade maioritarias están entre os 30 e os 60 anos. Segundo a axencia irlandesa Caminoways está aumentando o perfil das mulleres de máis de 50 anos que contratan on-line as rutas a percorrer, incluíndo o servizo de traslado de mochilas. Podería dicirse, como alguén acuñou, que a muller sénior, independente e dixital constitúe o novo perfil do peregrino deste século XXI. (vid. Mireia Suárez Quinteiro)

Neste punto algo está a cambiar significativamente. Son numerosos os blogs ou comentarios nas redes sociais das propias mulleres peregrinas que convidan a facer o Camiño soas, sen medo. No blog da filósofa e escritora Anina Anyway, a autora formula unha pregunta: "Hacer el camino de Santiago sola, ¿sí o no?".

En palabras desta intrépida viaxeira: "Nos educan para tener cuidado y guardarnos. Y como consecuencia (una de tantas), nos vemos privadas de tener grandes experiencias como esta, únicamente por miedo. Pero el Camino es diferente a todo cuanto he conocido, incluso en esto, por algo prácticamente mágico y fuera de lo común: la igualdad y respeto absolutos entre pergrin@s. Allí no eres el sexo débil ni un trozo de carne ni una víctima fácil, eres peregrina, peregrina".

O Camiño de Santiago estase a converter nun espazo onde a muller pode facer o que lle veña en gana, camiñar con liberdade buscando momentos de soidade ou amizade, sen o medo e os prexuízos de hai anos e séculos. Aquel termo anglosaxón acuñado en Beixín na Conferencia Mundial das Mulleres: empowerment, cobra senso no Camiño de Santiago, porque o empoderamento da muller no Camiño ben puidera ser motivo dun estudo de investigación ou dunha tese de doutoramento.

Un servidor, estando de pesca baixo a ponte de Vaosilveiro, no río Castro, que divide os concellos de Muxía e Cee, un lugar privilexiado pola súa beleza e polo que ten de agreste e virxe, antes de que os peregrinos cheguen ao fermoso pobo de Lires, de camiño a Fisterra, caín na conta de que estaba a ser fotografado polo smartphone dunha peregrina que parara a descansar no peitoril.

Logo dun breve saúdo e dun intercambio de palabras, despedímonos: - G­ood way! - Good fishing! Foi entón, mentres dubidaba entre seguir coa culleriña ou trocar por u­nhas moscas, cando zoaron ao meu redor as palabras de Martin Luther King: "I have a dream..." Foi entón, cando souben de primeira man que algo estaba a cambiar no Camiño, e que non era un soño, senón unha realidade que xa se estaba a producir.