Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Como parte do proxecto de reactivación cultural para un dos sectores máis castigados pola pandemia, a Xunta dá un oco permanente a diferentes artistas e compañías TEXTO Andrea Oca

Nace ‘Residencias cruzadas’: a factoría creativa do Gaiás

Actuacións canceladas, proxectos na neveira á espera de que a situación mellore, semanas sen espectadores nas salas de exposicións ou de cine... Para o sector cultural o confinamento supuxo o paro total en canto a posta en marcha de ideas e o de 2020 foi un verán perdido, especialmente no referente á música. Coa esperanza de que este 2021 se comece a ver a luz ao final do túnel, aínda que sexa con capacidade reducida e moita innovación dixital, a Consellería de Cultura pretende converter ao Gaiás en factoría creativa. Isto, na práctica, é sinónimo dun espazo fixo para que artistas de diferentes disciplinas teñan algo ao que agarrarse e, ao mesmo tempo, compartan un proxecto común co que desenvolver ideas conxuntas.

A factoría creativa leva por nome Residencias cruzadas, un programa anual coa Cidade da Cultura como base. Este espazo será o encargado de facilitar o lugar físico e os recursos técnicos ao servizo de creadores de dentro e fóra da nosa Comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais. Esta primeira edición de 2021 arrinca con cinco convocatorias nas que participarán desde o Centro Dramático Galego, o colectivo cultural AÏS ou a Axencia Galega de Industrias Culturais, ata creadores individuais como o compositor Pablo Seoane ou as artistas Verónica Vicente e Macarena Montesinos. Participarán medio cento de artistas.

TEATRO. As primeiras residencias xa en marcha son Clásicas desfeitas, unha coprodución escénica e musical co Centro Dramático Galego e o festival Resis, que está vencellada coa danza e co audiovisual e que conta coa colaboración do colectivo AÏS. Representaranse os días 13 e 14 de marzo nas Torres Hejduk o Volume I no que a compañía Nononon Lab adaptará textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein. Ademais, o 21 de marzo o pianista e compositor Pablo Seoane dirixirá o Volume II, que baixo o título de Phármakon, aglutinará relatos de Antígona, Medea e As Bacantes. Por último, o 28 de marzo Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago poranse ao fronte do Volume III baseado en fragmentos de Orlando, A consagración da primavera e O mito de Sísifo.

Seguiranlle no verán a Residencia literaria, dirixida polo escritor galego Javier Peña, e as Paraíso, estadías creativas ao redor da danza e da arte en acción contemporáneas. Completan este novo programa as Residencias CHARCO, sobre a arte contemporánea, e que colaborará con Resis e con Javier Peña. Unha mostra das sinerxias creativas que se prenteden crear, poñendo en contacto a artistas de diferentes ámbitos en torno a un proxecto común.

DANZA E MÚSICA. Outra das residencias que xa está en marcha desde esta semana é RESIS, que se fai en colaboración co colectivo AÏS. Nela, a creadora visual Verónica Vicente xunto á compositora Macarena Montesinos están a gravar estes días unha peza de videoarte. Esta creación audiovisual será presentada no Resis Festival, certame anual de música contemporánea e artes vivas, que se celebra na Coruña en maio, e tamén poderá verse dentro da programación do Día dos Museos 2021 do Gaiás, que se festexa nese mesmo mes. A maiores das diferentes residencias, a factoría creativa contará cun programa de actividades, como visitas á Casa-Museo de Rosalía Castro ou á Fundación Camilo José Cela. A convocatoria para aquelas persoas que desexen participar lanzarase a finais deste mes.

Durante a presentación celebrada onte, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo incidiu no feito de que a Cidade da Cultura xa ten consolidada a súa “relevante faciana como escaparate e escenario para a proxección de iniciativas culturais de dentro e fóra de Galicia”. Agora o que se procura é abrir “unha nova e importante liña de traballo coa intención de potenciala como factoría creativa onde agromen novas e interesantes iniciativas, moitas delas impensables sen estas anovadoras sinerxias”, explicou. Neste senso, tamén puxo en valor os espazos, recursos e apoio de equipos técnicos que a Cidade da Cultura lles facilita aos artistas que participan, tanto nestes cinco proxectos que se desenvolverán en 2021 como nas vindeiras convocatorias, lembrando a vocación de continuidade destas Residencias cruzadas para consolidarse como unha das liñas de programación máis importantes do Gaiás.

Na presentación tamén estiveron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quen remarcou o carácter “multidisciplinar”, xa que abranguerá proxectos vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes performativas e visuais ou coa literatura “co obxectivo de afianzar o Gaiás como viveiro creativo”, a través de coproducións e unha ampla rede de colaboracións con institucións e colectivos.

05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.