Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
manuel baña Ex-Xerente de Farocars

“Non sei como facía para chegar a certos lugares, tiña as estradas na miña cabeza”

Cando Manuel Baña, agora xubilado, se pon a recordar tódolos traballos realizados cos seus Mercedes véñenlle á cabeza multitude de recordos. Durante máis de trinta anos, o ex-xerente de Farocars, moveu por todo o territorio galego e nacional a infinidade de persoas ilustres. Dende presidentes do Goberno ata gañadores dun Nobel, pasando por ministros, artistas ou futbolistas, todos eles tiveron contacto nalgún momento con el, posto que o seu servizo de gran turismo contaba cunha grande reputación. Con todo, a súa carreira comezou dunha maneira insospeitada.

Antes de traballar cos coches de gran turismo, estivo na Alemaña ligado ao sector da hostalería. Como foron eses anos?

A miña dona máis eu marchamos para Alemaña no 1970, con vinte e un anos, e alí botei once anos. Entre mentres, tiven que acudir a facer o servizo militar, sendo destinado na Capitanía Xeral de A Coruña, unha sorte para min, xa que fun camareiro de dous Capitáns Xerais e puiden servirlle un viño aos que máis tarde serían os Reis de España, don Juan Carlos e dona Sofía. Unha vez terminei esa etapa, regresei de volta a Alemaña e alí estiven ata finais do 81. Neses anos traballei como camareiro e, posteriormente, como xefe de salas en grandes hoteis, sendo un afortunado, xa que me apoiaban moitísimo. Estiven traballando en moi bos restaurantes e ademais tamén me formei, acabando a diplomatura e aprendendo o idioma.

Con que idea regresou entón para Santiago?

Viñemos para Santiago coa idea de montar un restaurante, pero as cousas non saíron como pensaba, así que comprei un coche de gran turismo e púxenme a traballar con el no 82. Comecei na rúa do Hórreo e tiven a sorte de que, a través da Televisión de Galicia, introducinme moi ben no mercado e puiden levar a xente moi famosa. Nese ano prestei servizo á televisión de Perú con motivo da Copa do Mundo de España. Despois, no 87, rodouse Divinas Palabras en Galicia, polo que tamén levei a moitos actores. Aí comezou a miña andaina.

Que caracterizaba o seu servizo?

Prestaba un servizo diferente a un taxi convencional. Traballei sempre cos Mercedes de último modelo, en azul escuro ou negro por esixencias do protocolo, coches de alta gama que eran únicos naquela época en Galicia. Así que, aquela persoa importante que acudía á nosa comunidade e necesitaba un coche, contaba comigo. En total, debín facer sobre uns tres millóns de quilómetros na miña vida profesional. Ademais, como anécdota, fun dos primeiros en incorporar telefonía móbil no coche, a cal poñía a disposición do cliente.

Despois de tantos anos, pasearía a xente de toda índole?

Así é. Tiven a sorte de levar a xente do máis variada, dende Presidentes do Goberno ata gañadores do Premio Nobel, pasando por ministros, presidentes de grandes empresas, actores ou xogadores. Tamén traballaba moito con axencias de viaxe, compañías aéreas e equipos de fútbol.

De quen garda recordos?

De moitísimos. Podo citar, por exemplo, a Julio Iglesias, a Michael Douglas, á baronesa Thyssen, Lorenzo Sanz, Madonna, Rafael Alberti, Felipe González, a Rajoy na súa etapa de ministro, a Isidoro Álvarez (El Corte Inglés), a familia Rockefeller, a dona Mariluz Barreiros (Fundación Barreiros), a don Jesús Polanco (Grupo Prisa), a Zaha Haddid, El Puma, Isabel Pantoja, Plácido Domingo, Camilo José Cela, José Carreras, Gerard López, Moncho Borrajo, José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero, Jovellanos, Imanol Arias, Paco Rabal, Ana Belén, Sancho Gracia, María Jiménez, Emilio Botín... Tiven o privilexio de levar a moita xente famosa e do máis variada.

E hai algunha anécdota que poida contar?

Recordo moito a un matrimonio italiano, cuxa empresa foi a que deseñou toda a publicidade da Copa do Mundo do 82. Con eles estiven unha semana recorrendo toda Galicia e o norte de España, para deixalos no aeroporto en Madrid. Nese momento, o señor deixoume un agasallo, en forma de propina, que cando a vin no coche tiven que chamar a miña muller. Deste tipo de historias, tamén teño casos coma o dun ministro de Riad que acudiu a Galicia ou co profesor e oftalmólogo Ignacio Barraquer.

Axudoulle o seu pasado na hostalería para o seu traballo?

Moito. Outra das miñas fortunas foi que viña dun sector que xa che marca unhas pautas de protocolo, o cal me axudou no negocio. Estas normas extrapólanse moito aos nosos servizos, por exemplo, para abrir a porta do turismo ou para suxeitar algunha vestimenta do persoeiro.

Facendo tantos quilómetros, como conseguía moverse a tódolos lugares que lle pedían?

Contaba coas tradicionais guías de estradas nacionais, pero a verdade é que as tiña metidas na cabeza. Agora pénsoo e non sei como facía para chegar ata certos puntos.

Despois de traballar como servizo público, fundou Farocars. A que se debeu?

Era o ano 93 e xa non quedaban coches de gran turismo en Santiago, polo que o concello me obrigou a pasarme a taxímetro. Como non quixen, vendín a licencia e abrín esta empresa xunto cun socio. Ademais, cun coche só non era quen de dar o servizo completo, polo que deste modo puiden ter máis coches.

E aí estivo ao pe do canón ata que se xubilou?

Correcto. Ata o 2015 estiven nesta empresa, cumprindo a mesma función e traballando, sobre todo, con xente do resto de España e do estranxeiro. Con todo, Farocars é unha empresa familiar e agora quen a dirixe é o meu xenro, Víctor Manuel Seijas.

momentos

1 Alemaña. Marchou no 70 e alí estivo once anos traballando no mundo da hostalería.

2 Regreso. Quixo levar un restaurante, pero por circunstancias acabou collendo un dos primeiros servizos públicos de gran turismo de Galicia.

3 Libro de firmas. Manuel garda para o recordo dous libros nos que hai firmas de infinidade de persoas famosas.

4Mercedes. Sempre contou cos últimos modelos da compañía alemá, coches de alta gama únicos en Galicia.

5 Dedicación. Nos case 35 anos traballando no sector, só colleu oito días de vacacións.

6 Quilometraxe. Acumulou na súa vida, aproximadamente, tres millóns de quilómetros.

7 Xubilación. Aos 65 anos, Víctor Manuel Seijas, o seu xenro, situouse á fronte do negocio.

03 sep 2020 / 00:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito