Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O alcalde supervisa as obras de restauración da Ponte de Vidán

A actuación conta cun orzamento de case 400.000 euros e un prazo de cinco meses

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, visitaron onte as obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán, que se están desenvolvendo na aldea da Amañecida. Esta actuación, que conta cun orzamento de adxudicación de 376.649,68 euros e un prazo de execución de cinco meses; enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a Concello en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

O vial sobre o que se atopa a ponte constitúe un importante nodo de conexión da veciñanza da parroquia de Laraño cos viarios de alta capacidade de Santiago, e soporta un importante tránsito de vehículos así como o paso do transporte urbano e escolar para a zona. A Ponte Vella de Abaixo, de Vidán ou da Amañecida, como é coñecida no lugar, presentaba un estado de conservación deficiente con inestabilidades puntuais na súa fábrica de pedra. Os traballos proxectados sobre a infraestrutura, dan solución a esas inestabilidades. Polo tanto, segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, estase procedendo á rehabilitación ou reconstrución das fábricas de pedra danadas que conforman a ponte conservando as que teñen carácter histórico; e á construción de novos muros de cachotaría nos estribos debido a súa mala calidade e inestabilidade. No alzado, augas arriba, vaise reconstruir o tallamar, cuxas antigas dimensións e forma poderán ser reproducidas grazas aos restos que se conservan. Empregarase na súa execución unha cantaría de pedra granítica que harmonice coa existente e reforzarase o seu interior cunha cachotaría de pedra tomada con cemento branco.

Estase a construir un novo taboleiro cunha estrutura mixta de aceiro corten e unha lousa de formigón armado, apoiado sobre a fábrica dos estribos. O novo taboleiro ten una anchura ampliada de 5,60 metros. Distribuirase nunha calzada de 3,50 metros e unha beirarrúa de 1,50 metros, e estará dotado de varandas. Por outro lado, as actuais tubaxes de servizos a vista trasladaranse ao interior do novo taboleiro, quedando ocultas.

Procederase á reparación e rehabilitación da fonte e do lavadoiro da Amañecida. José Manuel Pichel sinalou que entre setembro e outubro xa estarán rematadas as obras. Dacordo cos criterios establecidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o Concello desenvolve simultaneamente coas obras o seu control arqueolóxico que permitirá estudiar e documentar as diferentes etapas históricas da estrutura da ponte e da súa contorna. ECG

05 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito