Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Música. O ciclo ‘De Lugares e Órganos’ comeza esta noite coa actuación da organista e cembalista Corina Marti, baixo o título ‘Mis tristes ojos ciegan hechos ríos’ // Mañá terá lugar o encontro con Marco Aurelio Brèscia, acerca das relacións musicais establecidas entre Europa e os territorios de alén mar TEXTO X.F.

O armonio conquista Compostela

Esta noite dáse comezo ao programa De Lugares e Órganos, impulsado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago: unha iniciativa para valorizar os que son un dos tesouros mellor gardados da cidade, ademais dunha eterna fonte de inspiración.

O primeiro protagonista será o órgano histórico de Santa Clara, cun programa deseñada en exclusiva para as súas teclas: Corina Marti, organista e cembalista, dará un concerto co acompañamento de Ana María Fonseca Núñez e Maria Bayley, voces e arpa. Mis tristes ojos ciegan hechos río ten a súa orixe na paixón que este instrumento histórico espertou na organista, nun concerto en 2019 no que se interpetraron pezas centradas na Idade Media. Desta vez, interpretaranse obras de grandes organistas dos séculos XVI e SXVI, como Aguilera de Heredia, Cabezón ou Bruna, xunto con obras de cancioneiros ibéricos dos séculos XV e XVI. Este concerto inaugural terá lugar ás 20.30 horas, na igrexa de Santa Clara. Ante tal ocasión, as entradas están xa esgotadas..

Corina Marti cultivou unha extensa carreira como solista, música de cámara e docente por toda Europa, América, Oriente Medio e Extremo Oriente. Colaborou con numerosas formacións de música antiga e orquestras, como Hespèrion XXI, o Coro de la Radiotelevision Svizzera Italiana ou a Helsinki Baroque Orchestra. Na actualidade é docente na prestixiosa Schola Cantorum Basilensis, en Basilea, Suíza; e imparte clases maxistrais por todo o globo.

Para entender o contexto histórico no que se enmarcarán as interpretacións, Andrés Díaz, técnico do ciclo, sinala no progama do concerto a pegada das influencias mutuas entre as cortes borgoñesas e ibéricas: a peza Nunca fue pena mayor, está composta polo flamengo Urrede (Wreede), nado en Bruxas pero traballador na corte dos reis Isabel e Fernando. Tamén o organista de Felipe II, Antonio de Cabezón, realizaba unha adaptación para tecla dunha obra do laudista e compositor Philip van Wilder.

O programa do ciclo reaunadarase mañá coa charla-concerto O órgano colonial e as relacións musicais co alén mar, impartida polo organista e investigadores ítalo-brasileiro Marco Aurélio Brescia. Experto coñecedor dos repertorios de música para tecla da tradición ibérica e italiana, Brescia é doutor en Musicoloxía pola Universidade Paris IV-Sorbonne e o primeiro impulsor da restauración do órgano histórico Almeida e Silva de Diamantina (1787).

A de mañá será unha conversa verbo das relacións musicais que se estableceron entre Europa e os territorios de alén mar, a colonización e o papel xogado neste proceso por órganos como o de Diamantina en Brasil. Brescia tamén aproveitará a ocasión para deleitar ao público con algunhas pezas representantivas, nun clarivicordio que reproduce un modelo do século XVI. O evento terá lugar no Coro alto de San Domingos de Bonaval, entrando polo Museo do Pobo Galego, ás 17:30 horas.

Xa na xornada do xoves, ás 20:30 horas, acollerá a igrexa das Ánimas o concerto Dous mares. Músicas entre dous mundos, un reflexo da mestura do folclore e a música culta ibérica co folclore dos habitantes de América Central e do Sur, tras a colonización española. O programa trata de mesturar ritmos dun lado e outro do océano facendo, ao mesmo tempo, unha alegoría a ese océano recorrido e ás súas realidades.

O órgano foi testemuña do proceso de retroalimentación musical e, como tal, preséntase como elemento condutor do programa. No concerto participará de novo o organista Marco Brescia; a frautista, cantante e artista Diana Baroni; o músico mexicano Rafael Guel e O Grupo 1500, dirixido por Andrés Díaz, unha formación vocal e instrumental dedicada a interpretación da música antiga. O venres será o turno do encontro O órgano sae a rúa, con dous dos músicos do concerto, Diana Baroni e Rafael Guel.

24 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.