Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Bloque propón incrementar as axudas a varios sectores de cara a crear emprego

Santiago. O BNG proporá na vindeira reunión para o reparto de fondos dos remanentes de tesouraría diversas actuacións destinadas á recuperación de comercio, hostalaría e cultura, fomento do emprego estábel, asociacionismo veciñal, promoción da lingua galega, accesibilidade e seguranza viaria e un paquete de actuacións para a mellora da calidade de vida nos barrios. Logo de que o Goberno do PSOE deixase sen gastar 23 millóns de euros que estaban consignados nos Orzamentos de 2021, debido á súa incapacidade de xestión, é necesario reasignar ese diñeiro público a necesidades prioritarias que demanda a veciñanza.

Deste xeito, o BNG propón incrementar as axudas a comercio e hostalaría mediante os Bonos Corazón e actividades de dinamización, coa dobre vertente de favorecer clientela e negocios, e as axudas ao sector cultural que ten un peso moi destacado na economía local e se viu especialmente afectado pola crise derivada da pandemia. Tamén reclama subir as partidas para a contratación de persoas desempregadas, mocidade e mulleres, que son as que presentan taxas máis elevadas de paro. Outra parte das propostas do BNG vai encamiñada a incrementar os fondos para o fomento da lingua galega e as partidas de axudas para asociacionismo veciñal e comercial.

No apartado de seguranza viaria e accesibilidade, as propostas do BNG, que lidera Goretti Sanmartín, van destinadas a cumprir acordos plenarios no relativo á mellora da sinalética e iluminación de pasos de peóns, así como en diversos barrios. ECG

16 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito