Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O BNG presenta ao seu equipo para recuperar “Santiago para os veciños”

Sanmartín levará a xornalista Míriam Louzao como número dous // Navia Rivas non repetirá na lista cara as municipais

A menos de tres meses para as municipais, o BNG converteuse onte na primeira formación política en presentar o primeiro tramo das súas listas electorais. A candidata en 2019 e voceira do grupo no Concello, Goretti Sanmartín, estivo acompañada pola voceira nacional do Bloque, Ana Pontón. Ambas aseguraron ter “boas vibracións” de cara a poder gobernar tralo 28M. “Temos que recuperar a Santiago para a veciñanza”, aseverou Pontón.

Ademais de Goretti Sanmartín, seguen na listaxe Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César, Iago Lestegás, Saleta Chao, Xavier Castro, Marisa Gil (independente), Alexandre Garrido, Sandra López, Lucía Carreira, Lois Calvelo, Concha de la Fuente e Fernando Lacaci (independente). Cae da lista a segunda concelleira do BNG en Raxoi, Navia Rivas de Castro.

“Son persoas co corazón en Compostela e capacidade para xestionar os retos de Santiago nos próximos catro anos e preparar un futuro de ilusión e esperanza”, indicou Sanmartín, según informa o BNG nunha nota de prensa. Para Pontón, trátase dun equipo preparado para gobernar este concello, que lle pon o rostro e a voz a un proxecto transformador para esta cidade”. Goretti Sanmartín afirmou sentir “un grande orgullo e todo o entusiasmo con esta listaxe”. “Se é unha honra representar o BNG no Concello de Santiago, aínda é máis sorte ter o privilexio de encabezar unha candidatura con persoas con ganas de todo, con amor por Compostela”, aseverou. Recalcou que os candidatos do BNG teñen “experiencias profesionais interesantísimas” e conforman “un grupo plural, aberto e cohesionado, que responde ás necesidades de Compostela e é garantía de futuro”.

Entre as súas tarefas se chegan a gobernar, Sanmartín asegurou que axilizarán as licenzas, dinamizarán a economía local, mellorarán os servizos públicos, fomentarán a participación social e conseguirán “unha cidade accesíbel para gañar calidade de vida”.

PROXECTO DE FUTURO. Trátase dun equipo “preparado, capacitado, compacto e pensado para gobernar a cidade e darlle un novo rumbo a Santiago”, coincidiu Ana Pontón. Lembrou que a cidade durante os últimos 12 anos “tivo gobernos do PP, gobernos da Marea e gobernos do Partido Socialista nesta última etapa”. “Todos demostraron que non teñen un proxecto de futuro para esta cidade”, afeou Pontón, quen chamou a probar algo distinto e votar ao BNG.

“Temos un proxecto de cidade, transformador, vangardista, un proxecto que pon ás persoas no centro, que quere que Santiago de Compostela sexa unha capital cultural pero que tamén aproveitemos todo o coñecemento e innovación das empresas da contorna e o feito de ter unha Universidade tan importante como é a de Santiago de Compostela”, engadiu Pontón durante o acto celebrado ante a Biblioteca Ánxel Casal.

biografías
Os primeiros da lista

Goretti Sanmartín chegou aos 18 anos a estudar a Compostela. É profesora universitaria e deu clases no Instituto de Idiomas da USC e no Instituto Eduardo Pondal.

Míriam Louzao ten 39 anos e veciña do barrio de San Lázaro, traballa desde hai 12 anos como responsábel de comunicación no Auditorio de Galicia.

Xesús Domínguez é protésico Dental con Laboratorio en Conxo. Foi voceiro dos afectados polas preferentes.

07 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito