Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 07 diciembre 2022
17:24
h

O carril-bici de Sar

Na antiga Roma o everxetismo foi a vía de financiamento de moitas obras públicas. O everxeta doaba grandes cantidades para a construción de anfiteatros, acuedutos, termas, infraestrutura viaria, edificios públicos, foros... e xunto ao nome do doante everxeta, figuraba a inscrición D.S.P.F. (De Sua Pecunia Fecit, «Feito cos seus cartos»). Enrique Melchor Gil recolle en “Construcciones cívicas y evergetismo en Hispania romana”, Espacio, Tiempo y Forma, Serie II, Hª Antigua, t. 6, 1993, pp 443-466, un listado de todas elas, con diversas clasificacións e táboas (interiores/exteriores, tipo de everxeta...) ben interesantes.

Queda por aclarar se ese altruísmo se fixo sempre, motu proprio, para gañar prestixio, respectabilidade, recoñecemento... ou estaban obrigados e coaccionados nun bucle de reputación e sona, precisamente para non perdelas. Sobre as diferencias entre un everxetismo ob honorem e outro ob liberalitatem, pode consultarse o TFG de Albert Montaña Ortiz, “Los engranajes de un imperio. El impacto de la crisis del siglo III en las ciudades de Hispania”.

O everxetismo contemporáneo, salvo raras excepcións, vén da man dos políticos. Son eles os que inauguran as obras públicas, coa particularidade que eles non pagan cos seus cartos, porén, serven aos mesmos fins que André Boulanger e Henri-I. Marrou explicaron, cando alumearon este neoloxismo. En todo caso, se temos que ser utilitaristas, para moitos, pouco ou nada importaría quen o sufrague, se se pode gozar do ben público. Para outros, si importaría sabelo, porque non se resignan a estar nun rabaño apresebado, nin queren formar parte dunha plebe, sen espírito crítico.

E como os tempos cambian, agora os letreiros informan do organismo e subvención pagadores, durante o tempo de execución da obra pública. Un letreiro que poucos len, porque se foi estendendo un axioma en troques das siglas D.S.P.F. e, ese axioma comunmente estendido, reitero, é de sobras por todos coñecido: paga o pobo!

No caso que nos ocupa, o everxeta do Carril-bici, sito na rúa Clara Campoamor, en fronte das brañas de Sar, foi o programa EDUSI, (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020. A estes orzamentos, o goberno municipal tivo que aprobar unha licitación e unha partida específica para modificar o proxecto inicial, aprobado pola corporación municipal anterior, seica, porque a utilización do carril-bici vería minguada a súa utilización, ademais de comprometida a súa seguridade.

Non é preciso dar as cifras. Cada contribuínte compostelán ten a liberdade e a información ao seu alcance, se quere facer uso dela. Pero, por favor, que alguén me explique unha cousa:

Que fai un carril-bici, que nace nunha rotonda e morre noutra, a menos de setecentos metros? Que neno pode andar en bicicleta nel? Que familia? Que ciclista pode facer uso del sen entrar nun bucle psicolóxico, propio de Sísifo co seu penedo?

Trátase dun complexo co da Coruña, que dispón dun dos carrís máis longo de Europa? Porque, poida que nos sobren os cartos ou que quede moi bonito – coa súa cor verde – diante da Intermodal. Poida que sexa por ecoloxismo, humanización, contaminación, cidade verde... non o sei!

O propio Cicerón xa deixou escrito unha crítica a Teofastro, sobre o absurdo eloxio da magnificencia cando non está ben empregada, xulgando erroneamente este, que o pracer das riquezas e de quen a distribúe, os everxetas, consiste en poder facer eses gastos.

«Con canta máis seriedade e razón nos reprende Aristóteles! Que non nos marabillemos deses dispendios que se fan para afagar á multitude (...) A benignidade debe inclinarse máis para a utilidade pública (refírese a estaleiros, acuedutos, portos, infraestruturas civís...) e para socorrer ás vítimas dunha calamidade (...) Tamén é útil á República a xenerosidade que se dirixe a redimir a escravitude dos prisioneiros e a procurar un benestar aos máis débiles. Eu prefiro con moito esta maneira de beneficencia aos gastos inxentes nos espectáculos públicos (refírese ao circo). Unha é a forma propia dos homes serios e grandes, a outra, por así dicilo, a dos aduladores do pobo, a dos que solicitan co pracer a lixeireza da multitude». (Cicerón, De Off., II, 16, 55-ss)

Seguro que Cicerón non pensaba no carril-bici de Sar, pero o seu concepto de munificencia e honestidade, a bo seguro desaprobaría unha obra tan inútil como baldía e va. O seguinte que nos espera é a aplicación de normativas, e lexislacións específicas e propias das grandes cidades. A prohibición de segundo que coches por segundo que rúas; porque, é o mesmo vivir en São Paulo, Cidade de México, Tokio... cidades que están entre os 15-20 millóns de habitantes, que en Compostela? Alguén puido ver o fungo de contaminación sobre a cidade do Apóstolo? Para responder a esta pregunta habería que falar de CO2 e dos óxidos de xofre e de nitróxeno. O problema é que se veñen dúas horas de vento, xa non paran nin no Pedroso.

Pois, nada. A coller todos a bici e para Sar! Que a ninguén se lle ocorra discrepar, non vaia ser que disentir do mainstream vos sinale. Acaso, mellor facer unha convocatoria para darlle uso? Ollo! porque unha quedada en tan insigne carril, o espectáculo nas redes pode estar garantido. O triste é que o carril-bici de Sar é o chocolate do papagaio, nun país onde o diñeiro da plebe se emprega en causas e cousas, tan inútiles como absurdas.

Non sei eu se o noso carril-bici, de rotonda a rotonda, estaría a altura ou cumpriría os requisitos para que Paul Tabori o incluíra na súa The Natural History of Stupidity. Non vou a enumerar aquí algúns dos múltiples exemplos recopilados na súa historia. Déixoo para o seu interese persoal. Si rematarei cunha cita súa: «Stupidity is Man’s deadliest weapon, his most devastating epidemic, his costliest luxury». (A estupidez é a arma máis destrutiva do home, a súa máis devastadora epidemia, o seu luxo máis custoso). Como di o dito: o mal xa está feito! Agora, recemos para que non nos poñan outro carril-bici nos Concheiros.

14 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.