Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O casco histórico clama contra o peche inxustificado de sucursais

Veciños, comerciantes, empresarios e as forzas políticas da cidade manifestáronse fronte ás oficinas do BBVA na rúa do Vilar // Agardan que os responsables dos bancos rectifiquen

A paciencia do casco histórico chegou á súa fin. Ante a perda incesante de servizos básicos, veciños, comerciantes e forzas políticas uníronse para tentar evitar a última das baixas comunicadas, a das oficinas bancarias do BBVA, na Rúa do Vilar, e do Banco Sabadell, no Preguntoiro. Nunha manifestación promovida por Compostela Monumental, fronte ás instalacións do banco máis antigo da cidade, os principais entes afectados clamaron contra o peche inxustificado destas sucursais.

Portando unha gran pancarta, na que se podía ler a mensaxe non á perda de máis servizos fundamentais para a zona monumental de Santiago, un centenar de manifestantes, entre os que se atopaban rostros moi coñecidos de diversos sectores da capital galega, uniron as súas voces para esixir a rectificación dos xerentes dos bancos. Durante máis de media hora puideron escoitarse lemas como “o diñeiro é da clientela e hai que atendela”, “máis servizos e menos beneficios”, “non ao peche do BBVA” ou “sucursal pechada, ruína asegurada”.

Ademais, os promotores do acto, a asociación por excelencia do casco histórico, leron un manifesto de repulsa contra unha decisión que fai aínda máis difícil a vida nesta zona monumental. “Isto supón un novo obstáculo para veciños, comerciantes e empresarios no seu quefacer diario, xa que somos dependentes 100 % das entidades financeiras. Con todo o que tiveron que padecer nestes últimos anos, en vez de residentes convertéronse en resistentes”, remarcou José Ángel Blanco, xerente de Compostela Monumental.

A protesta focalizouse fronte ás oficinas máis antigas de todo Compostela, pola súa posición estratéxica para a vida do tecido empresarial e da veciñanza, pero o problema é global, xa que a Almendra quedará a partir do 18 de outubro con tan só catro sucursais. Por iso, chove sobre mollado. “Debe quedar constancia que queremos solucións, xa! Fai tempo que se sobrepasou a liña vermella de perda de servizos básicos e fundamentais e chegou o momento de reverter esta situación. Non deixan de poñernos paus nas rodas por culpa de decisións erróneas que nos están levando a unha situación límite”, sinalou na súa comparecencia o directivo do ente.

Entre as posibles medidas que cren que se poderían tomar para contar cunhas condicións similares a outras cidades europeas, remarcaron a posibilidade de pór en marcha unha nova Lei de Medidas de Reforma do Sistema Financeiro para evitar estas decisións repentinas en zonas chave. “O código de boas prácticas bancarias promovido polo Estado debe servir para algo, non só pode quedar nunha simple declaración de principios”, comentan moi enfadados, xa que consideran que tralo esforzo que fixo a poboación para o rescate dos bancos nos anos da crise, agora estes non están a ter reparo ningún coa cidadanía.

O cabreo é máximo, xa que o feito de ter que desprazarse ata á Senra para poder facer as súas xestións habituais suporá grandes inconvenientes para moitos deles: necesidade dun maior tempo, risco de roubo ou perda do trato persoal. Deste xeito, se xa no Vilar había un gran volume de clientela, agora xuntaranse no novo emprazamento cos que xa están alí, co que temen que as colas se magnifiquen, sendo case inviable realizar operacións de caixa, habilitadas só ata as 11.00 horas.

Por iso, agardan que esta acción conxunta supoña un punto de inflexión que faga cambiar de opinión aos culpables desta decisión, a cal colma a paciencia dunha área na que xa non saben que facer para que se cubran os seus dereitos e necesidades como veciños.

Polo momento, tal e como comentou a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón, presente na manifestación de onte, está o propio alcalde Xosé Sánchez Bugallo levando as xestións cos responsables das firmas bancarias para evitar o seu peche, pero o tempo segue correndo, quedan menos de dez días, e a pelota está no tellado dos empresarios de Madrid.

09 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.