Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O congreso dos profesionais do circo aborda en Compostela a súa situación actual

Celébrase na capital galega dende mañá ata o mércores // Desenvolverase de xeito virtual polas restricións

    Santiago. Por cuarto ano consecutivo, CircoRed prepara o seu congreso anual, evento para profesionais do circo de todo o Estado, xa sexan artistas ou traballen en produción, dirección, pedagoxía, programación, xestión, distribución ou, incluso, fotografía e vídeo. O obxectivo é o de reflexionar, aprender e traballar de xeito conxunto no crecemento do sector tendo en conta as vicisitudes e idiosincrasias propias e as necesidades das persoas que forman parte da rede. O empuxe dunha industria emerxente dende fai máis de vinte anos traduciuse no crecemento, profesionalización e fortalecemento do sector do circo converténdose nun axente significativo das artes escénicas e da Cultura a nivel estatal”, indican dende a organización.

    Nesta ocasión, o congreso por primeira vez descentralízase para, en colaboración coa Asociación de Profesionais de Circo de Galicia (APCG) e no marco do V Encontro D10! Encontro para a Formación e Innovación en Circo que organiza a compañía Pistacatro, aloxarse en Santiago dende este luns a ata o mércores, 25 de novembro. De xeito virtual, agárdase a asistencia dun bo número de profesionais vinculados a esta arte.

    En liña. Esta cita conta co apoio do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do Goberno de España, en colaboración coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturas), Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Xacobeo 2021, Gaiás Cidade da Cultura e Hotel Costa Vella.

    Dada a actual situación sanitaria, a comisión encargada da organización do IV Congreso CircoRed decantouse por un formato en liña para esta edición. Isto supón un enfoque oposto ó de outras edicións no que o contacto e o encontro presencial era a base sobre a que construir o congreso.

    22 nov 2020 / 00:08
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito