Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Consorcio de Santiago celebra 30 anos de vida coidando do patrimonio

Paseos pola cidade para dalo a coñecer e unha campaña de concienciación sobre o seu coidado foron parte dos actos conmemorativos da entidade

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou onte na presentación dos actos conmemorativos do 30 aniversario do Consorcio de Santiago, a cuxa creación se referiu como un “fito decisivo para a evolución do casco vello e a conservación do patrimonio santiagués”. Durante os actos do trixésimo aniversario da institución interadministrativa celebrados no Pazo de Vaamonde, sede da entidade, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, así como pola súa xerente, Belén Hernández.

Co motivo de celebrar os seus trinta anos de existencia, o Consorcio faino promovendo paseos para dar a coñecer o patrimonio da cidade, ademais dunha campaña que baixo o título Contigo coidamos Santiago busca concienciar a todos os axentes implicados no coidado necesario para preservar o patrimonio herdado.

Tras unha visita polas rúas do casco histórico , o acto rematou na sede da entidade, onde o responsable autonómico de Cultura fixo un chamamento para sentar as bases dos próximos 30 anos e apsotou por seguir traballando na conservación e modernización da cidade histórica.

“Os que vivimos en Galicia temos a sorte de facelo nunha terra cun dos legados patrimoniais, artístico e histórico máis importantes do mundo e esta sorte é aínda maior en Santiago de Compostela”, afirmou antes de salientar a capacidade do fenómeno da peregrinación para rachar fronteiras e engrandecer aínda máis o valor deste patrimonio.

Neste senso, Román Rodríguez engadiu que a zona vella, tal e como hoxe a coñecemos, non se podería explicar sen os 30 anos de historia do Consorcio de Santiago. Nesta liña salientou sobre a entidade que “é un organismo no que diferentes administracións remamos na mesma dirección para artellar proxectos de longo alcance que repercuten no beneficio de todos os galegos e que garanten a vitalidade deste Patrimonio da Humanidade”.

PASEOS PATRIMONIAIS. O trixésimo aniversario do Consorcio de Santiago ven acompañado dunha iniciativa por parte da entidade para promover paseos polo patrimonio da cidade coa finalidade de potenciar o coñecemento da veciñanza en relación ao seu legado cultural, histórico, artístico, tanxible e intanxible. Estes paseos realizaranse ata o vindeiro 16 de decembro e contarán con dous itinerarios complementarios con narrativas moi diversas.

Por un lado, os interesados poderán recorrer a ‘Compostela Patrimonio Mundial’ nun itinerario que amosará o valor universal excepcional da cidade histórica de Santiago que a levou a obter esta declaración no ano 1985. Polo outro, os paseos da ‘Compostela Oculta’ ensinarán anécdotas do último milenio descubrindo lugares nos que non reparamos ao camiñar pola rúas compostelás, e nos que ademais se descubrirán os episodios máis descoñecidos da nosa historia. Este ciclo de visitas realizaranse os martes, xoves e domingos no caso dos paseos pola Compostela Patrimonio Mundial, e os luns, mércores, venres e sábados no caso da ‘Compostela Oculta’.

ANIVERSARIO. O Consorcio de Santiago celebra trinta anos dende a súa creación en 1992, ao aprobarse os seus estatutos. Co principal obxectivo da recuperación urbana, impulsa iniciativas de interese cultural e patrimonial mediante subvencións, programas, intervencións directas, encontros ou publicacións.

03 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.