Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O debate sobre Lorca protagoniza o último día da Selic na rúa do Vilar

Esta edición poñerá hoxe o broche final reflexionando sobre as diversas formas de ler

Santiago. A Selic remata recuperando as rúas de Compostela para as lectoras e lectores, e favorecendo a reflexión sobre as múltiples maneiras de ler. A experiencia desta quinta edición na rúa do Vilar e na praza das Praterías foi moi boa, tanto que para as seguintes o festival incrementará a súa relación con máis espazos da cidade.

No futuro, a Selic afondará na búsqueda de espazos de encontro para ampliar os modos e modelos de lectura, para que se diversifiquen os argumentos sobre a música, a ciencia, o ensaio, a poesía, a ilustración... Para conseguir unha verdadeira participación do público, e que non haxa só espectadores ou espectadoras do que ocorre.

Neste último día na Selic tamén se pasea, e non cunha ruta calquera. Carlos Labraña guiará un roteiro como o percorrido que cada día facían Maruxa e Coralia, as irmás Fandiño, por Compostela. Partirá ás 12.00 horas da estatua das Marías na Alameda. É preciso inscribirse no correo paseos.compostela@maos.gal.

Tamén ás 12.00 horas de hoxe, pero en Afundación na rúa do Vilar, a Selic chama ás nenas e nenos a desfrutar da contacontos en movemento Raquel Senra, que propón unha actividade participativa a partir do álbum ilustrado A árbore da escola, de Antonio Sandoval e Emilio Uberuaga, editado por Kalandraka. Unha acción entre árbores, gatos e regadeiras.

A escritora Emma Pedreira trae á Selic o Gabinete de curiosidades de lady Stoner, unha acción na que compartirá impresións sobre libros especiais co público do festival, ao que tamén lle pide que leve libros para participar xunto a ela. Será ás 13.00 horas na rúa do Vilar.

Ás 17.30 horas o protagonista é Federico García Lorca, que desde a súa estatua na Alameda seguro que escoita a conversa que manterán Henrique Alvarellos, autor de Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), e Aníbal Malvar, autor de Lucero (Ediciones Akal), na rúa do Vilar.

Sobre como se achegaron a Lorca e as creacións a partir da súa figura charlarán Alvarellos e Malvar, que ademais collerá a guitarra. A fin de festa da Selic será ás 19.00 horas de hoxe co concerto de aCentral Folque. s. cuiña

19 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito