Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O doutor Carlos Peña Gil recibe o II Premio Ramiro Carregal de Cardioloxía

Foi recoñecido por un traballo destinado a mellorar a atención en procesos de estreitamento sintomático da vávula aórtica do corazón // O acto reuniu numerosos profesionais do sector médico de Galicia, ademais de representantes do ámbito universitario, político e cultural

O doutor Carlos Peña Gil recolleu este luns en Santiago de Compostela o II Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía recibido polo equipo que el lidera no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Trátase do premio correspondente ao pasado ano e cuxa gala se atrasou por culpa da pandemia, de aí que se celebre cando está a piques de coñecerse o gañador da terceira edición que, ademais, incrementará a contía do premio un 50% até os 30.000 euros. Peña Gil agradeceu a concesión do galardón destinado ao proxecto “Mellora continua da calidade na xestión integral do proceso de estenose aórtica sintomática”. O cardiólogo comezou a súa intervención explicando “o valor dun equipo” para incidir na importancia do correcto funcionamento de todas e cada unha das fases do proceso asistencial, que abarca diversas accións diagnósticas e terapéuticas, desde a indicación de intervención ata o retorno do paciente á súa actividade normal. Un proceso no que participan “diferentes profesionais, en diferentes momentos e lugares, en ocasións con atencións fragmentadas con pouca continuidade asistencial”. Por iso puxeron en marcha o traballo premiado, destinado a “detectar novos marcadores de risco de progresión de estenose aórtica dexenerativa” e a “asegurar que as decisións que se toman nun proceso, en cada paciente, son as adecuadas conforme á evidencia científica e aos seus resultados”.

O mecenas do Premio, Ramiro Carregal, felicitou o equipo gañador “e a todos os investigadores básicos e clínicos que coidan da nosa saúde”. O empresario resaltou o feito de tratarse dun equipo galego “o que demostra a calidade da nosa sanidade” e agradeceu o apoio da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria representada no acto pola súa presidenta, Eloína Núñez, así como o traballo de José Ramón González Juanatey, “sen o cal este Premio non sería posible”.

Na súa intervención o presidente executivo do xurado defendeu a sanidade pública como base esencial (xunto coa educación) do noso estado de benestar. O catedrático e xefe de Cardioloxía do CHUS incidiu tamén na importancia do apoio á investigación para poder facer fronte a patoloxías que afectan a miles de persoas, como son as cardíacas e pediu, unha vez máis, un cambio real para que se recoñeza e se aposte definitivamente pola actividade investigadora.

Xunto con eles estiveron na mesa presidencial o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Unha vez máis foi o titular do Goberno galego o encargado de clausurar o acto pondo de relevo a gran calidade dos equipos de Cardioloxía de toda Galicia, unha calidade acreditada nos sucesivos recoñecementos nacionais e internacionais que veñen recibindo nos últimos anos.

06 jun 2022 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.