Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Eirado reabre mañá coa ilusión de reencontrarse coa súa clientela

Logo de dous meses de inactividade polas consecuencias do coronavirus, a cafetería Eirado, na rúa Xeneral Pardiñas, reabre mañá as súas portas coa ilusión de reencontrarse coa súa clientela habitual, unhas persoas fieis a un local que no 2021 cumprirá xa o seu corenta aniversario.

“Temos moitas gañas de volver a saber deles, desexando que se atopen todos ben e que non lles ocorrese nada malo neste tempo. De feito, moitos xa nos chamaron nos últimos días para saber cando abríamos”, comenta o xerente, José Antonio Martínez.

Case corenta anos de historia dan para moito, polo que contan cunha gran cantidade de clientes que creceron na época da súa terraza cos columbios e que agora acoden a eles como pais e nais, así como moitos traballadores da banca, notarios ou comerciantes que levan décadas acudindo a este local. Ese cariño por un público que, en moitos casos, xa son amigos, dálle un toque especial a este histórico establecemento familiar.

Ademais, a súa terraza interior, apta para fumadores, convértese nun luxo para estas datas. Este espazo permítelle, a pesar das distancias de seguridade e do aforo limitado, contar con capacidade suficiente para defenderse nesta primeira toma de contacto.

“Cumprindo con tódalas medidas decretadas por Sanidade, podemos atender a unhas sesenta persoas no local, contando a capacidade do interior e do exterior, o cal é unha gran vantaxe nesta época”, asegura, citando tamén que dispoñen de xeles hidroalcohólicos en distintos puntos do bar.

Por todo iso, manterán o seu horario continuo habitual, de 8.00 a 22.00 horas, agardando recibir a maior cantidade de xente posible. Dende logo, como di José Antonio, eles porán todo da súa parte para garantir a seguridade de todos, co obxectivo de evitar un novo rebrote, e tamén para que este regreso á actividade sexa un éxito.

23 may 2020 / 23:44
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito