Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Gaiás acollerá cinco mil actividades ata 2027 para potenciar a innovación

A Xunta lanza un novo Plan Estratéxico da Cidade da Cultura no que se mobilizarán 30 millóns de euros// Converterase nunha plataforma para proxectar a cultura galega cara ao exterior

O Goberno galego prevé que a Cidade da Cultura acolla ata o ano 2027 uns 5.000 actos e actividades culturais co obxectivo de potenciar a innovación e a creatividade como “motores do desenvolvemento de Galicia”.

Así o recolle o II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, un programa con 70 accións e que prevé mobilizar uns 30 millóns de euros, segundo avanzou este sábado o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante a súa presentación.

Esta nova folla de ruta, presentada no Edificio Fontán ante representantes do sector cultural e de traballadores das institucións residentes na Cidade da Cultura, define a dirección a seguir polo Gaiás nunha fase protagonizada pola expansión da actividade.

IMPACTO POSITIVO E SOCIEDADE. Proba disto é que a nova estratexia prevé que se desenvolvan 5.000 eventos e actividades culturais ata o ano 2027. En canto o número de participantes nestas actividades, o obxectivo é que en 2027 sexan un 43 % máis que este ano e, no caso dos eventos organizados por empresas, institucións ou colectivos sociais nos espazos do Gaiás, que medren ata duplicarse, de 286 a 520 cada ano.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia destacou que o obxectivo é multiplicar o impacto positivo do Gaiás na sociedade e ampliar o seu alcance. Así, precisou que o plan fixa como unha das súas metas principais chegar a 2027 practicamente duplicando o valor social que xera a Cidade da Cultura.

En cifras concretas, Román Rodríguez lembrou que este ano se realizou o primeiro estudo de contabilidade social, en colaboración coa Universidade de Deusto, que concluía que por cada euro de investimento público, o Gaiás retorna a Galicia 1,85. O obxectivo é elevar esta cantidade ata os 2,5 no 2027.

FACTORÍA DE CONTIDOS. Entre as principais novidades, o responsable de Cultura do Goberno galego avanzou que a Xunta está decidida a transformar o Gaiás nunha “factoría de contidos”, un espazo que vaia máis alá da exhibición e que impulse programas de apoio á creación e habilite espazos para que os creadores e creadoras desenvolvan fisicamente neste equipamento as súas propostas.

Román Rodríguez adiantou que a nova estratexia prevé “un Gaiás máis alá do Gaiás, unha Cidade da Cultura de Galicia cada vez máis de Galicia” e que, con este obxectivo, ampliarase o seu radio de acción. “O Gaiás non só itinerará contidos noutras institucións de Galicia e de fóra de Galicia, como xa acontece coas exposicións. Pretendemos que tamén destine os seus recursos a producir contidos en espazos culturais doutras cidades e vilas galegas, descentralizando a súa actividade”, explicou o conselleiro.

A aposta da Xunta por converter a Cidade da Cultura nunha das principais ferramentas para proxectar a cultura galega no exterior figura tamén entre as liñas estratéxicas. O conselleiro subliñou que a internacionalización funcionará nunha dobre vía: “Queremos que o Gaiás sirva para dar visibilidade fóra de Galicia ao traballo de creadores galegos, pero tamén como institución coa entidade e crédito para participar en proxectos internacionais con museos ou espazos de referencia”.

O Plan Estratéxico compromete unha aposta decidida polo binomio de arte e tecnoloxía coa creación do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, un espazo onde se combinen innovación, creación e novas linguaxes para que artistas de diferentes eidos aproveiten as oportunidades que están a xurdir con novos modos de expresión.

iniciativas
Recursos e proxectos

··· A estratexia 2021-2027 recolle tamén accións dirixidas a estreitar a conexión do Gaiás co Camiño de Santiago e co Xacobeo, enriquecendo a experiencia da peregrinación e da visita a Compostela e ampliando a oferta de recursos turísticos da capital galega. En cifras, destaca a aspiración de chegar ao 2027 cun incremento na cifra de visitas ao Gaiás dun 40 %, superando 1.400.000 ao ano. Este novo documento, aprobado polo padroado da Fundación Cidade da Cultura e validado polo Consello da Xunta, é o resultado dun proceso aberto, transparente e avalado por expertos.

··· O Proxecto Ollándonos –eixo de traballo para afondar no coñecemento do nosos propios legados, pero tamén como vía para proxectar o noso talento fóra de Galicia– e o desenvolvemento de programas de cualificación en tecnoloxía dixital, mentorización para proxectos novos ou promoción de empredemento destinados a fortalecer e modernizar as industrias culturais e creativas son outras dúas apostas destacadas deste plan.

18 dic 2021 / 23:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.