Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 18 agosto 2022
03:03
h

O IES Félix Muriel de Rianxo gaña o primeiro premio Ateneo Cineduca coa obra ‘Monte vivo’

O accésit foi para a curtametraxe ‘O crime perfecto (detrás das cámaras)’ do IES Rosalía de Castro de Santiago

Santiago. Clausurouse este mércores a Mostra Internacional de Cine e Educación (Cineduca), organizada polo Ateneo de Santiago, coa entrega de premios ás curtametraxes presentadas polos centros educativos. O vicepresidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela, abriu o acto. “Recollendo a experiencia de anos anteriores, quixemos dar un paso adiante e presentar unha Mostra Internacional de Cinema, onde non só se recolleran as problemáticas de distintos sistemas de educación senón tamén se impulsara o cine como instrumento educativo, reunindo un amplo sentir da comunidade docente”, afirmou.

Tras a proxección das curtametraxes seleccionadas polo xurado, comunicáronse os gañadores. A mención honorífica, provista dun diploma e peza conmemorativa, foi para La buena elección, do Centro Escolapios de Monforte de Lemos. O premio foi entregado por Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago. Na súa presentación, Fernando Redondo, catedrático da USC, sinalou que “Monforte como cidade ferroviaria é un cruce de camiños que representa as eleccións que realizamos na vida, por iso nos preguntamos se escollemos a boa elección”.

En segundo lugar, o accésit, dotado con 500 euros, diploma e peza conmemorativa, foi para O crime perfecto (detrás das cámaras), do IES Rosalía de Castro de Santiago. A concelleira de Cultura de Santiago, Mercedes Rosón, foi a encargada de entregar o galardón e José Manuel González Herrán, catedrático emérito da USC, presentou a proxección. Aseverou que “o xurado seleccionou esta curtametraxe porque cumpría coas facetas de mesturar cine e educación”.

Por último, a máxima distinción, dotada con mil euros, diploma e peza conmemorativa, recaeu na obra audiovisual Monte vivo, do IES Félix Muriel de Rianxo, a cal foi entregada polo presidente do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla. “Os alumnos dende o contorno do centro comezan unha investigación, que lles dá a coñecer os distintos valores do monte (ambiental, estético, literario) e a comprometerse coa sociedade”, afirmou Xosé Armas, director do Departamento de Didácticas aplicadas da USC na súa introdución.

Para pechar o acto, o presidente do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla, agradeceu a todos os organizadores da Mostra o seu traballo e resaltou a calidade de todas as obras presentadas. “O cine é un compromiso social e un mecanismo didáctico para integrar aos alumnos na sociedade”, concluíu. ECG

20 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito