Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A ruta da illa conta con 26 etapas e cartilla de acreditacións propia //O itinerario nace a partir dunha profunda admiración do fenómeno xacobeo TEXTO Xiana Fole

O Jeju Olle, un sendeiro en Corea inspirado no Camiño

A illa de Jeju, situada no estreito de Corea, é a de maior tamaño de Corea do Sur. Na súa costa, de 250 quilómetros, desenvólvese unha ruta que alcanza os 425 quilómetros: o Jeju Olle, tamén coñecido como o Camiño de Santiago coreano. Os peregrinos coreanos son os sétimos no ranking de nacionalidades en facer o Camiño de Santiago. Nun ano coma este, cheo de restricións, será difícil para moitos celebrar o Xacobeo acudindo a Compostela. Pero no caso dos coreanos, poderán facer a súa propia ruta, a máis de 10.000 quilómetros de distancia. En realidade, pouco teñen que ver as paisaxes que nos atoparemos ao longo destes dous camiños. Os bosques, montañas, praias, volcáns e templos que se atoparán os peregrinos en Corea teñen unha beleza propia, guiada a través de frechas laranxas e azuis (non amarelas, como no caso do Camiño). Pero a unión é moito maior do que parece, pois o Jeju Olle nace a raíz do Camiño de Santiago ou, máis ben, a partir da súa admiración por esta ruta.

Nado en 2007, o sendeiro coreano está inspirado no noso Camiño, primando a natureza e respectando o entorno que o rodea. Como a ruta que leva a Compostela, o Jeju Olle tamén está dividido en etapas, concretamente en 26. Estas etapas recorren diferentes lugares da costa, achegándose ás veces cara o interior, e adoitan durar unha media de 5 horas, superando case todas os 16 quilómetros. Algunhas rutas, como a da illa Chuja-do ou a ruta do Onpyeong — que pasa por un volcán extinto, o Tong Oreum— son de dificultade alta e requiren dunha maior preparación física. Pero o itinerario, en xeral, é de nivel medio. Tamén como no Camiño de Santiago, os peregrinos do Jeju Olle teñen a súa propia cartilla na que selar as acreditacións ao finalizar cada unha das 26 etapas que compoñen este sendeiro por Corea do Sur. “Los coreanos somos grandes admiradores del Camino de Santiago, y este camino nace de la más absoluta admiración. Mientras podamos volver a Galicia, seguro que el Jeju Olle será un sitio muy popular para los coreanos. Pero cuando volvamos a la normalidad en los viajes, para nosotros sería un verdadero honor encontrar a más españoles por estos senderos. La promoción de esta ruta fue una de las prioridades de la visita del presidente Moon del pasado mes de junio”, aseguraba o embaixador da República de Corea, Bahk Sahnghoon.

Para os peregrinos máis valentes, aqueles que completen os 425 quilómetros que conforman esta ruta —coñecida, por certo, como a Hawaii coreana—, existe a posibilidade de formar parte do seu Hall of Fame particular. Unha fotografía e un recoñecemento específico son outorgados a todos os que completen o itinerario, incluíndoas nese salón da fama e quedando a súa imaxe e as datas da ruta inmortalizadas na web do sendeiro.

Tamén conta cun festival de seu, o Jeju Olle Walking Festival, que este ano terá lugar no outono. Con máis de 100 participantes de diferentes partes do mundo, incluíndo China, Estados Unidos, Xapón, Canada e, por suposto, Corea do Sur, esta pretende ser unha celebración na que desfrutar da cultura, da arte e dos espectáculos, ademais da gastronomía local da zona. Todo isto, camiñando unha ruta por día, como non podía ser doutro xeito. Son 23 rutas durante un total de 23 xornadas, seguindo o lema que reza “todos camiñamos xuntos”. E isto parece funcionar, pois o Jeju Olle foi seleccionado en 2021 como unha das mellores 10 rutas costeiras en todo o mundo, a única en Asia, segundo a revista británica Britain’s Active Traveler Magazine.

15 ago 2021 / 00:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.