Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O legado do impulsor da Biblioteca América da USC chega ao Consello da Cultura

O filántropo santiagués Busto, que recopilou obras científicas e literarias, protagoniza o novo especial de ‘Historias de ida e volta’

Gumersindo Busto, filántropo compostelán que apostou decididamente por impulsar o progreso educativo e cultural entre a cidadanía da capital galega, empregou gran parte da súa vida ao desenvolvemento da Biblioteca América, inaugurada no ano 1926.

Un traballo que se traduciu na recompilación de todo tipo de obras científicas e literarias latinoamericanas, co obxectivo de poder crear un gran fondo documental que na actualidade segue a constituír un importante legado para a cultura galega.

Sobre as arelas de Gumersindo Busto e o proceso de organización da Biblioteca América afonda o novo especial de Historias de ida e volta, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración.

A entrega consta de vinte documentos e imaxes nas que se poden ver o acto da súa inauguración, o primeiro número do seu boletín ou a portada do primeiro catálogo cos seus fondos, segundo informa o CCG nun comunicado.

“As remesas dos e das emigrantes galegas contribuíron á modernización social, política e económica de Galicia”, comeza o especial, que subliña como era frecuente naquela época que chegasen desde América “cuantiosas doazóns para a construción e o mantemento de centros educativos e culturais”.

A entrega número 25 de Historias de ida e volta pon o foco no legado cultural dun deses emigrantes, Gumersindo Busto, quen, a comezos do século XX, promoveu un proxecto para a creación dunha universidade hispanoamericana en Santiago.

Quería, deste xeito, “estreitar lazos entre América e España” nun momento en que a corrente rexeneracionista e a defensa do hispanoamericanismo predominaban na vida cultural e intelectual das colectividades emigradas alén mar, tal e como explica este especial ao respecto. Porén, o proxecto inicial non chegou a concretarse e, finalmente, só se puido levar a cabo unha das partes que o conformaban, e que foi a creación da Biblioteca América.

Desde 1907 e ata a data da súa inauguración, o 26 de xullo de 1926, Busto afanouse en recoller obras e materiais “a través dunha extensa rede de delegados e comisións creadas para tal fin”, afirma o especial. Monografías, teses, xornais e revistas, coleccións de moedas e billetes, exemplares de fauna americana, bandeiras ou mapas, entre outros, forman parte dos fondos que comezaron a chegar a Santiago de Compostela na década de 1920.

Baixo o título A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela: o legado cultural de Gumersindo Busto, o especial recolle imaxes do día da súa inauguración, da portada do primeiro catálogo dos seus fondos ou da súa colección zoolóxica. Ademais, tamén se inclúen outras nas que se poden ver os membros e os estatutos da Comisión Protectora que Gumersindo creou en Bos Aires para difundir o ideario e os obxectivos que albergaba a fundación desta biblioteca.

O propósito de crear unha institución deste tipo non pode entenderse sen o ideal de cooperación entre os pobos hispanos que defendía o propio Busto e do que deixa constancia en ¿Qué es el Hispanoamericanismo?, artigo que pode lerse nesta entrega do especial. Esas arelas foron as que levaron o filántropo a buscar a adhesión de institucións hispanoamericanas e de doantes particulares, polo que era frecuente que enviase cartas aos directores dos xornais de países que consideraba de interese co fin de que desen a coñecer a súa obra.

A imaxe corresponde á carta remitida a La Correspondencia de Puerto Rico o 9 de maio de 1909. Tamén se inclúe unha mostra da que mantivo cos membros do profesorado da universidade compostelá que apoiaban o seu proxecto e as súas ideas americanistas, como, por exemplo, co decano da Facultade de Filosofía e Letras da USC José González Salgado.

O especial compleméntase cunha imaxe da revista Eco de Galicia que recolle a importancia que os galegos lle deron á iniciativa de Busto.

documentación
En dúas decenas de entregas

··· O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial ‘Historias de ida e volta’ para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de vinte entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

27 ene 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.