Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PP pedirá explicacións ao Concello pola forma de actuar na licitación do contrato do transporte urbano

PLENO. O Grupo Municipal Popular, a través do seu portavoz Alejandro Sánchez-Brunete, pediralle explicacións ao Goberno local no Pleno desta semana pola súa forma de actuar na preparación do concurso do transporte colectivo urbano de viaxeiros, “un servizo esencial que leva máis de catro anos prestándose sen contrato e cuxa licitación, por un importe superior aos 117 millóns de euros e un prazo de 12 anos, se considera inminente, xa que ante o Pleno do mes de maio o propio executivo a anunciou para finais de xuño ou principios de xullo”, indicaron dende o PP. Ademais, os Populares denuncian a negativa do Goberno a permitirlle o acceso ao expediente completo desta contratación a fin de controlar a razoabilidade da mesma e queren saber “que persoas do sector público ou do ámbito privado teñen accedido aos pregos de condicións técnicas ou administrativas”. A cuestión do control do acceso, din, resulta crucial para garantir o principio de igualdade de trato na contratación pública, posto que “o coñecemento con antelación á licitación dos criterios de valoración recollidos nos pregos por posibles licitadores poderían supoñer unha vantaxe e, polo tanto, unha vulneración da legalidade”. Por outra parte, Sánchez-Brunete tamén se interesará polos motivos que levaron ao Goberno a non realizar as consultas preliminares ao mercado antes da elaboración dos pregos para a licitación deste servizo de transporte público.

Para o portavoz Popular, “resulta estraño e sorprendente” que neste procedemento se teña desbotado esta consulta previa ás empresas especializadas na materia que serviría de axuda para introducir na redacción dos pregos de condicións do servizo as novidades e as características específicas que poderían mellorar a prestación e a garantías deste servizo de tanta transcendencia económica e social. ECG

27 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito