Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O PP solidarízase co sector do taxi e pide para el o apoio de tódalas administracións

O presidente dos populares composteláns, Borja Verea, mantivo unha xuntanza coas asociacións de Santiago e reclamou que se lles facilite o acceso ás axudas

O presidente dos populares composteláns mantivo unha reunión de traballo con Jesús García e Jesús Pena, presidentes da asociación Radio Taxi Compostela e da asociación TeleTaxi Compostela, respectivamente.

No encontro analizouse a complicada situación pola que están a pasar os 145 taxis da cidade e dos que dependen moitas familias. Cunha importante reducción da súa actividade como consecuencia das restriccións sanitarias, especialmente pola desaparición do turismo e polos peches perimetrais, os presidentes das asociacións trasladáronlle ao deputado compostelán que prácticamente non teñen ingresos e en moitos casos están traballando con perdas para manter un servizo que consideran esencial.

Borja Verea destacou que “o taxi é un servizo básico e esencial” e polo tanto “ ten que ter o compromiso e apoio de todas as administracións” e “aínda máis nunha cidade como a nosa cunha dependencia tan alta dos turistas e dos veciños doutros municipios”. Engadiu que tanto a administración estatal como a autónomica “teñen que poñer todos os seus esforzos en facilitar o acceso ás axudas” e “botou en falta unha maior sensibilidade por parte de Concello de Santiago para estar ao lado dos taxistas composteláns” os cales rematou “non están recibindo ningún tipo de axuda do concello cando a súa situación é igual de dramática á doutros sectores”.

As asociacións tamén denunciaron as últimas decisións municipais que están a dificultar aínda máis o traballo dos taxis na cidade pedindo máis diálogo co sector por parte do concello; poñendo como exemplo as fallidas peatonalizacións no Ensanche ou a falta de marquesiñas no entorno da nova Estación de Autobuses. Neste senso Borja Verea concluiu que “se alguén coñece os problemas de mobilidade da cidade son os taxistas e deberíase contar con eles en todos os cambios que afecten ao tráfico, escoitándoos e protexendo a súa actividade”.

06 mar 2021 / 11:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.