Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O protocolo da USC fronte acoso sexual activouse en dez ocasións nos últimos tres anos

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC manifesta que aínda queda moito por avanzar en materia de igualdade, por agora ningunha universidade galega contou nunca cunha reitora

A Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) é a unidade encargada de dinamizar as políticas de igualdade a través da coordinación da execución e da avaliación do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC. As súas funcións son impulsar e desenvolver a cultura da igualdade, fomentar a introdución da perspectiva de xénero no ámbito docente, realizar o labor de seguimento da aplicación do Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero da USC ademais de promover a formación e investigación específicas en estudos de xénero.

Poñémonos en contacto con esta unidade pertencente a Universidade de Santiago de Compostela para que nos informe sobre a situación actual das mulleres no ensino universitario galego, “no ámbito universitario avanzouse na paridade en órganos de representación e goberno. A pesar dos avances, persiste a segregación vertical na traxectoria académica e horizontal na escolla de titulacións. Polo de agora, ningunha universidade galega conta nin contou cunha reitora, aínda temos que avanzar.” Diversas investigacións recollen a persistencia da segregación laboral por razón de xénero, destacando os estereotipos de xénero e a distribución sexual do traballo como factores explicativos. De feito os roles de xénero seguen moi presentes na escolla de titulacións, “compre avanzar no recoñecemento social dos coidados e o benestar das persoas, tarefas que tradicionalmente levan facendo maioritariamente as mulleres, poñendo no centro algo tan esencial como a sustentabilidade da vida” sinalan.

Existe moito descoñecemento por parte da Comunidade Universitaria dos mecanismos existentes contra esta lacra, explícannos que se calquera estudante sufre acoso ou calquera tipo de violencia machista debe presentar unha denuncia. A USC conta co Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero (de aplicación a toda a comunidade universitaria). Este Protocolo fronte ao acoso activouse en dez ocasións, desde a súa entrada en vigor en 2017.

Cada vez máis universidades se propoñen incluír a perspectiva de xénero, á metodoloxía e os mecanismos que permiten identificar, cuestionar e valorar a discriminación, desigualdade e exclusión das mulleres. Cando preguntamos se se conseguiu aplicar na docencia da USC dende a OIX contan que “a revisión de diagnósticos da incorporación da perspectiva de xénero en distintas universidades evidencia a preocupante persistencia da cegueira de xénero na maioría das materias. Neste contexto cobra especial relevancia iniciativas como a recente publicación da colección Guías para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero, composta por once guías temáticas promovida e editada orixinalmente en catalán pola Xarxa Vives d’Universitats e trasladada a lingua galega, no marco das iniciativas financiadas con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e desenvolvidas polas oficinas de igualdade do Sistema Universitario Galego”

A USC tamén oferta un itinerario de accións formativas e xornadas para os distintos colectivos da universidade (persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado) co obxectivo de promover os valores da cultura de igualdade.

05 ene 2021 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.