Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Nacho Castaño // Actor protagonista do espectáculo teatral A Peste do Centro Dramático Galego

“O que máis desexaba era volver ao teatro”

Nacho Castaño (Vilagarcía de Arousa, 1972) é o Doutor Rieux na adaptación teatral da novela de Albert Camus A Peste, epidemia que amosa á súa chegada á cidade de Orán a peor cara dos seus habitantes. O Salón Teatro acolle ata o 13 de marzo esta radiografía da sociedade actual, que explora o sentido colectivo e a loita egoísta pola supervivencia en situacións de aillamento e crise

Dun clásico como A Peste fixéronse adaptacións en todo o mundo, tanto ao cinema como ao teatro. Malia a que o director da función explica que se pode “ler a Camus sobre as táboas”, que achegas aporta esta representación respecto doutras que se executaran ata o momento?

Malia a que non coñezo tódalas adaptacións, a función non pode ser absolutamente fiel á novela orixinal nin reflectilo todo, senón o espectáculo duraría quince horas! Cándido Pazó consegue adaptar a esencia (filosófica, existencial) da novela e, de feito, a acollida por parte do público foi estupenda ata o de agora.

De feito, a Xunta puxo transporte dende vinte concellos para que a xente poida vir vela obra a Santiago.

Como non imos facer xira coa obra, que se representa todo o tempo en Compostela, o Centro Dramático Galego pon un bus gratuito para ata 35 persoas. Está ben que se aporte este servizo. Nós estaríamos encantados de xirar coa función, pero o CDG xa ten programados outros espectáculos e está difícil.

A Peste de Camus ten moito que ver cos tempos da pandemia da covid.

É de absoluta actualidade. Pazó consegue un equilibrio entre a carga filosófica e de especial trascendencia humana, pero con toques de humor. A medida que a imos respresentando, atopamos máis relacións co tema da covid. Ademais, non é nada normal ver un elenco de quince actores sobre as táboas.

Como afectou a pandemia ó ser individual de Nacho Castaño?

Tiven sorte no máis básico porque ningún familiar cercano faleceu nin lle perigou a saúde. Puiden traballar porque a dobraxe seguiu funcionando, aínda que o teatro e o tema audiovisual pararon bastante.

Canto tempo ensaia o elenco para a representación?

Ensaiamos arredor dun mes e dez días, cando a media é de dous meses. Non foi demasiado para un espectáculo de dúas horas e media. Cándido Pazó dixo sempre que fomos a bo ritmo. A escenografía facilitou o traballo porque nos deixa moitas formas de entrada e de saída do escenario; é dicir, cando remata unha escena xa comeza outra de inmediato noutra zona do escenario.

Como foi o seu regreso ao teatro despois de varios anos centrado no mundo audiovisual?

Apetecíame moito. Cando fixen o casting, díxenlle á miña muller que era o que máis desexaba. Tampouco hai tantas probas para actor de teatro como para actor de cinema ou de televisión. Por sorte, colléronme e, ademais, como protagonista.

Que licencias admite o teatro fronte ás rodaxes de televisión?

No teatro cada día é distinto, mentres que na televisión todo está máis medido. Calquera medio é interesante, pero o contacto directo co público... é o mellor do que pode desfrutar un actor de teatro. Tamén a inmediatez, a frescura...

Vén de rodar a nova serie de Jorge Coira, Rapa, para Movistar. Aínda está pendente de data de estrea.

É unha serie da produtora Portocabo, que está ambientada aquí en Galicia, e que está relacionada coa zona de Cedeira, de Ferrol... coa rapa das bestas. Todo xira arredor dun asasinato. Eu interpreto a un xornalista que segue a tradición familiar e que axuda á personaxe de Javier Cámara dándolle determinados datos. Hai un reparto moi interesante e, con que funcione a metade de ben que Hierro, tamén de Coira...

O argumento de Rapa seméllase ao de Hierro. Son dous thrillers.

Ao final, na humanidade sempre se repiten as mesmas historias: os nacementos, o amor, a paixón... esas son as cousas que nos moven. Por poñer un pero, no caso de Rapa, o asasinato non vai ser dunha persoa anónima, senón da alcaldesa da vila. Reflíctese o mundo político. Ata aí podo contar!

Volve interpretar na súa lingua despois de facer varias series en castelán. ¿Cales son as súas sensacións traballando en galego?

No meu idioma traballei toda a vida, con compañías de teatro como Fume. Ademais, son actor de dobraxe dende os 14 anos e sempre foi en galego. Para min é o meu medio natural, son bilingüe. É o idioma que falo coa miña muller, cos meus fillos... síntome cómodo, pero tamén o estou cando grabo en castelán.

Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, de 2020, 34.800 persoas depedían dos empregos culturais en Galicia nese ano. Unha persoa pode ter un nivel económico estable traballando como actor de teatro en galego?

É moi complicado, aínda formando parte dunha compañía privada, que tampouco consegue moitas actuacións como para que lles de para vivir todo o ano. É difícil, por desgracia, no audiovisual, no teatro ou na dobraxe. Hai xente que o consegue, pero deixando o lombo. No caso dos actores, igual tes un moi bo ano pero botas os dous seguintes sen traballar. A Peste ten durante a semana moitas funcións seguidas, pero hai outras obras que teñen que actuar cada dous meses.

Que ensinanzas lle reportou interpretar ao Doutor Rieux?

O meu personaxe é un médico que se dedica aos pacientes en corpo e alma. Admiro esa entrega. Non obstante, dedícase tanto á medicina que desatende a súa vida persoal. Como actor iso é algo que non quero facer. Xa me separo bastante da familia e non me perdoaría perder máis momentos da infancia dos meus fillos dos que xa me perdo.

FICHA TÉCNICA

As funcións poden verse os mércores e domingos ás 18h ou de xoves a sábado ás 20h no Salón Teatro ata o 13 de marzo. As entradas poden mercarse na web de ataquilla.com ou no propio teatro dúas horas antes da sesión.

O prezo das entradas está entre os seis e os nove euros.

A dirección de A Peste está a cargo de Cándido Pazó. É a primeira produción do ano do Centro Dramático Galego.

O reparto fórmano Nacho Castaño, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G.Alfaro, Paku Granxa, Luis Iglesia B., Miguel Ínsua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Santé.

O equipo artístico compóñeno Dani Trillo na escenografía, Martina Cambeiro no vestiario e maquillaxe, Alfonso Castro na iluminación, Guillerme Fernández na música e no espazo sonoro, Belén Pichel na asistencia de dirección e Keke Losada na produción.

02 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito