Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Sergas, territorio sen lei

    OS CONFLITOS sanitarios son amplos e complexos e afectan a múltiples relacións interpersoais, pero hai uns moi presentes na prestación dos servizos asistenciais que, aínda hoxe, no primeiro cuarto do século XXI, carecen dun xeito de solución efectivo: aqueles que xorden entre o sistema público de saúde (SPS) e os pacientes/usuarios que, como consecuencia, rematan sen solución satisfactoria e con danos colaterais de diversos (físicos, emocionais e económicos). A orixe deses conflitos ten en innumerables ocasións causas estruturais, onde os pacientes e profesionais sanitarios se atopan nunha posición común de debilidade fronte a un modelo hospitalocéntrico, infradotado de medios humanos e materiais, altamente xerarquizado e organizativamente complexo e cuxo control e coñecemento por parte dos pacientes e usuarios resulta practicamente imposible. Isto, unido ao feito de que a arbitrariedade inspira a maioría das decisións adoptadas polos equipos de dirección, compón un panorama que coloca o SPS nun limbo onde están ausentes os dereitos e as garantías propias das democracias formais occidentais.

    Pero vexamos cal é o tortuoso percorrido burocrático ao que se ve sometido o paciente ante a vulneración de dereitos recoñecidos legalmente como, entre outros, á atención nos tempos máximos de espera ou á continuidade na atención. Cada vez que un paciente ten coñecemento de que se está producindo esa vulneración, o primeiro problema co que se atopa é o descoñecemento da organización do centro sanitario e a opacidade da súa estrutura xerárquica. Descoñece, por exemplo, onde está a xerencia do hospital e da área sanitaria; onde está o rexistro de entrada; quen é o directivo responsable da área sanitaria que debe velar polo exercicio dese dereito; os procedementos utilizados polo Servizo de Atención ao Doente (SAD); a capacidade do seu médico para poñer fin á vulneración; a existencia doutras vías distintas para reclamar fóra do ámbito sanitario ou o nome e responsabilidades do xefe/a do servizo. Desveladas todas ou unha parte destas incógnitas, intentará unha entrevista con esta persoa. Se a consegue, recomendaralle que formule a correspondente reclamación por escrito, normalmente no SAD, sen saber se vai ter resposta nin o tempo en que esta se vai producir. Se ten a sorte de recibila, será moi probable que veña sen asinar e sen identificar a persoa que a emite, e cun texto tipo xustificando a vulneración pola existencia doutros pacientes en igual ou similar situación e por falta de medios. Ningunha alusión ás condicións concretas da súa reclamación, á posibilidade de recorrer a resposta nin, por suposto, prazo ou órgano ante o que pode recorrer. Se o paciente está máis informado, poderá presentar a mesma reclamación no rexistro de entrada, pero sen consecuencia ningunha. O escrito non será respondido fóra da canle anterior producíndose a desestimación ou estimación, segundo os casos, por silencio administrativo e a apertura da reclamación ante os xulgados da xurisdición contencioso-administrativa que, por suposto, por requirir representación procesual, non é gratuíta e non ten en conta prazos específicos de resolución para o mundo da sanidade.

    Se despois de transitar corredores e visitar despachos do centro sanitario se atopa con forzas e o estado de ánimo que lle permita a súa enfermidade, o paciente, se está ben informado, poderá presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo. Debido á insuficiencia de medios desta institución e ao carácter non vinculante dos seus informes, a resposta demórase ata que o servizo asistencial concernido emite informe de contestación, se é que este se produce. O seu resultado máis probable será que se aceptan integramente as razóns aducidas polo Sergas e se estime resolta a queixa formulada, sen que produza ningún efecto respecto da súa situación. Proba da irrelevancia desta vía de reclamación ante un órgano externo e independente das partes en conflicto é que no ano 2020 as queixas presentada por problemas sanitarios en toda a comunidade autónoma tan só acadaron o número de 364, malia representaren a maior porcentaxe de queixas de todas as recibidas nese ano.

    A conclusión final á que nos leva este sinuoso proceso para o exercicio efectivo de dereitos recoñecidos é que non existen mecanismos legais áxiles e independentes para facelos valer. O estreito e inseguro corredor burocrático sempre remata nos tribunais de xustiza que requiren non só probar o dano producido, senón tamén contar cos medios económicos necesarios para sufragar a interposición da demanda, cuxa resolución se producirá unha vez que o dano está causado. Os pacientes, ante este desolador panorama, optamos por renunciar ao dereito e, se podemos permitilo, acudimos á sanidade privada ou esperamos pacientemente, nunca mellor dito, que o sistema nos atenda, asumindo os custos de todo tipo que iso supón ou, no seu defecto, intentar o ilegal e moralmente inaceptable uso das habituais e incentivadas portas traseiras.

    No Sergas existe un alarmante baleiro normativo adaptado aos tempos requiridos cando está en xogo a saúde das persoas que ofreza seguridade xurídica ante a violación dos dereitos máis elementais dos pacientes. Se noutros ámbitos da administración pública a seguridade xurídica e a interdición da arbitrariedade son dous principios esenciais que garanten a resolución de conflitos, deberían de ser respectados con maior rigor no ámbito sanitario por afectar á saúde, un dos bens de maior protección. Neste territorio sen lei campan ás súas anchas a iniquidade, a arbitrariedade e o exercicio de autoridade, e os danos ocultos e non declarados sobre miles de persoas en busca de atención é o prezo dos inocentes.

    14 ene 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.